EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Sesións didácticas da Escola Municipal de Música nos centros educativos

05/02/2019 Este martes comezou o 9º Ciclo de Sesións Didácticas que a Escola Municipal de Música de Santiago vén realizando nos centros de ensino de Compostela. "Quen é quen. Os instrumentos que viven na EMM" é o título deste programa, que se desenvolverá durante o mes de febreiro.

Estas sesións didácticas teñen como obxectivo promover o achegamento da música aos máis pequenos e pequenas na rede de centros educativos de Compostela. O ciclo está destinado ao alumnado do 1º e 2º curso de Educación Primaria.

En cada xornada, dous músicos da EMM visitan os centros educativos. Presentan os instrumentos (clarinete e saxofón, violín e frauta traveseira, acordeón e guitarra, trombón e trompeta, viola, guitarra eléctrica e percusión), describen as súas características e posibilidades melódicas e explican as diferentes formas musicais de interpretación. Os músicos interpretan ao tempo diferentes pezas musicais.

As sesións son duns 50 minutos, aproximadamente. Nesta novena entrega do Ciclo participan os seguintes dúos: clarinete e saxofón, violín e frauta traveseira, violín e viola, trombón e trompeta, acordeón e guitarra, e guitarra eléctrica e percusión.

Sesións didácticas nas escolas infantís
Como noutras ocasións, está prevista a participación das escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, Meixonfrío-Salgueriños, San Roque, Tambre e Tras-Parlamento, e incorpórase tamén a nova Escola Infantil do Castiñeiriño. Neste caso, tres profesores/as da EMM visitan os centros educativos para contar un conto relacionado coa música nunha sesión duns 30 minutos de duración.

Durante a actividade trabállanse aspectos como o son, a altura das notas ou o ritmo. Ao mesmo tempo, os alumnos e alumnas teñen a oportunidade de escoitar en directo os instrumentos que os mestres e mestras levan ás escolas infantís -como o clarinete, o contrabaixo ou o violonchelo- e interactuar mediante o movemento do seu corpo.

Compartir: