DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Amio acolle a cuarta edición do Salón CarOutlet Santiago con ofertas en 400 vehículos de ocasión

05/02/2019 A concelleira María Rozas presentou hoxe, co director de Comunicación de Eventos del Motor, Miguel Esqueira, a cuarta edición do Salón Caroutlet Motorocasión Santiago, que chega esta fin de semana a Amio con 400 vehículos de ocasión.

Do 8 ao 10 de febreiro, "todos aqueles composteláns que necesiten comprar un vehículo poden buscar e comparar coches de ocasión dos concesionarios oficiais da cidade e dalgúns outros de ámbito galego", tal como sinalou Miguel Esqueira. Na mesma liña se pronunciou María Rozas, que o definiu como "un evento que se está a converter nunha cita anual na nosa cidade e que e este ano se adianta ao mes de febreiro, o que entendemos positivo para atraer visitantes durante unha fin de semana que é de temporada baixa".

A feira estará aberta ao público o venres dende as 16:00 ata as 21:00 horas. O sábado, o horario será de 11:00 a 21:00 horas e, o domingo, de 11:00 a 20:00 horas. A entrada custará só 2 euros, mentres que o acceso dos nenos e nenas menores de 10 anos será gratuíto. A mostra reunirá uns 400 vehículos ao longo da fin de semana, repoñendo as unidades que se vaian vendendo, con ofertas especiais e con plena garantía, pois as empresas concesionarias cobren calquera incidencia ou avaría polo menos ata 1 ano dende a data de entrega do coche.

O Salón CarOutlet Santiago ocupará unha superficie de 4.500 metros cadrados no recinto feiral de Amio, coa enorme vantaxe e comodidade para os compradores de poder observar nun único espazo toda a oferta de vehículos de ocasión da cidade e de concesionarios doutros puntos, como Vigo ou A Coruña. As persoas interesadas en coches de ocasión poderán comparar características, prezos, estado do vehículo e elixir o que máis se adapte aos seus intereses.

Todo tipo de coches
A exposición inclúe modelos de diferentes prezos e segmentos, dende urbanos ou familiares ata SUV, todo terreo ou algúns máis deportivos. Serán, en xeral, vehículos con apenas quilómetros, nos seus marcadores, moitos deles procedentes de flotas de empresa, dirección ou automatriculación, aínda que sempre aparecen algunhas unidades con máis quilometraxe e máis baratos.

As diferentes empresas presentes contarán cunha rede comercial propia para atender ao público e asesorar os/as interesados/as sobre calquera cuestión, así como para expoñer as condicións da venda. Miguel Esqueira sinalou que "as vendas de coches usados en Galicia subiron no 2018 un 5,9%, cun custo medio por coche de 11.429 euros".

Direccións relacionadas



Compartir: