LINGUA

Santiago, Ames e Teo crean un directorio de empresas que traballan en galego

05/02/2019 Os concellos de Santiago, Ames e Teo poñen en marcha o proxecto #Galegoempresas, un directorio de empresas radicadas nos tres municipios que ofrezan produtos e servizos en galego. O obxectivo é "poñer en valor aqueles negocios nos que a nosa lingua adquire visibilidade, e facer un recoñecemento á calidade na atención por parte destes negocios", apuntou o alcalde, Martiño Noriega, na presentación da iniciativa.

O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe o proxecto #Galegoempresas nunha rolda de prensa na que tamén participaron a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; a concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, e Óscar Maceiras, en representación da empresa que desenvolve o proxecto, Ágora Aberta.

Tal e como explicou o alcalde, o directorio "permitirá coñecer de maneira rápida e práctica a oferta de empresas que funcionan en galego, dándolle unha maior visibilidade, ao tempo que facilitará a planificación de accións dirixidas ao sector socioeconómico en materia de lingua". Martiño Noriega lembrou, ademais, que son varias as iniciativas que o Concello de Santiago desenvolve en materia de lingua dirixidas ás empresas, como os Premios Manuel Beiras ou o certame Fotolingua.

Na mesma liña pronunciáronse as concelleiras de Ames e Teo, que salientaron a colaboración institucional entre os tres concellos. Isabel Vaquero e Pilar Faxil fixeron tamén un chamamento a todas as empresas da comarca para unírense a esta ferramenta.

O proxecto #Galegoempresas foi desenvolvido pola empresa Ágora Aberta. Óscar Maceiras explicou que para a elaboración do directorio realizáronse moitas tarefas previas, que pasaron por ponderar os indicadores de uso lingüístico nas empresas para avaliar a súa relevancia na configuración da imaxe da compañía e na súa relación coa cidadanía; por deseñar o protocolo de aplicación do cuestionario co que se obteñen os datos para construír os indicadores das diferentes empresas; e por crear finalmente a ferramenta informática para incluír os datos das empresas, validados e publicados de xeito atractivo e útil.

Maceiras tamén salientou que o directorio "permite que as persoas usuarias fagan a valoración da atención que prestan as empresas, oral, escrita e telefónica", e que pón a disposición das empresas unha serie de ferramentas e recursos para que "melloren no uso do galego e saiban as convocatorias que teñen en marcha as administracións para premiar o compromiso coa lingua".

Direccións relacionadas



Compartir: