ACCIÓN CULTURAL

Encontro "A Cor das Palabras" coa cineasta galega Diana Toucedo

05/02/2019 O ciclo A Cor das Palabras, organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema Numax, regresa neste 2019 coa visita dun dos grandes talentos do Novo Cinema Galego: Diana Toucedo. A cita é o domingo 10 de febreiro ás 11:30 horas, con entrada de balde. Pódese reservar praza escribindo a acordaspalabras@santiagodecompostela.gal.

Aproveitando a estrea en salas da súa primeira longa, Trinta lumes (dende o 8 de febreiro en Numax), Diana Toucedo convídanos a viaxar polo proceso artístico da súa obra nun encontro titulado "A fraxilidade dos vagalumes ou como desvelar o invisible no visible".

Diana Toucedo (Redondela, 1982) é unha das directoras con maior proxección do cinema galego dos últimos anos. Tras estudar cinema na ESCAC (Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya) na especialidade de montaxe e o Master de Creación Cinematográfica Contemporánea na Pompeu Fabra, comeza a destacar como montadora para importantes cineastas contemporáneos como Isaki Lacuesta (La noche que no acaba), Alberto Gracia (O quinto evanxeo de Gaspar Hauser), Anxos Fazáns (A estación violenta) ou Marina Lameiro, cuxo Young&Beautiful se proxectará en Numax os días 4 e 11 de febreiro.

Como directora asinou valiosas curtametraxes documentais e experimentais ao tempo que, en 2015, se estrea na longametraxe documental con En tódalas mans, arredor dos montes en mancomún. A súa consolidación internacional chega en 2018 con Trinta lumes, estreada na sección Panorama da Berlinale e no Festival de Málaga, con importantes galardóns en festivais: Novos Cinemas (Premio do Público), D'A Film Festival (Talents Premio da Crítica), Filmadrid (Mellor Longametraxe Días de Cine), Toulouse Cinespaña (Mellor Fotografía) e un longo etcétera.

Trinta lumes preséntanos a Alba e Samuel, dous adolescentes que, na procura do descoñecido, percorren casas e aldeas abandonadas do Courel. Unha ollada documental que rexistra a desaparición dun modo de vida combínase con suxestivas derivas ficcionais outorgando ao filme un pulso propio non exento de maxia. O encontro con Toucedo do domingo 10 de febreiro, ás 11:30 h, permitiranos coñecer de preto os segredos do seu proceso creativo co título "A fraxilidade dos vagalumes ou como desvelar o invisible no visible".

Direccións relacionadas



Compartir: