SAÚDE

O Consello Municipal de Saúde demanda un novo plan de mellora da atención primaria e amosa o seu apoio á sanidade pública

04/02/2019 As persoas integrantes do Consello Municipal de Saúde ofreceron hoxe unha rolda de prensa para dar conta da declaración aprobada polo organismo na xuntanza do pasado martes. Na comparecencia participaron a concelleira de Políticas Sociais, Diversidades, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández; os representantes de PSOE e BNG no organismo, Mila Castro e Rubén Cela, respectivamente; Ramón Ramos, da Asociación Galega de Saúde Mental; José María Dios, da plataforma SOS Sanidade Pública; María José Ramos, da asociación de usuarios oncolóxicos; Rosa Cequeiro, do movemento de Saúde Mental, Nidia Aquino, do Foro Galego de Inmigración, e Antonio Martínez, do Consello de Relacións Veciñais.

José María Dios foi o encargado de dar conta dos acordos do Consello Municipal de Saúde. Tal e como explicou, na reunión do pasado 29 de xanro valorouse o estado da situación do servizo de Urxencias e dos PACs "explicitando por unanimidade os membros do Consello o malestar pola ausencia dos representantes da Consellería de Sanidade e da EOXI de Santiago na xuntanza, como ven sendo habitual nas convocatorias do organismo". Ademais, na reunión do Consello "expresouse o apoio unánime á mobilización da Plataforma SOS SAnidade Pública para o próximo día 10". José María Dios apuntou que a convocatoria "ten como consigna recuperar os recortes de persoal sanitario, camas e orzamentos; acabar coa marxinación da atención primaria, recuperar área sanitarias e hospitais comarcais, dotar ante os PACS e as Urxencias".

As entidades que forman parte do Consello Municipal de Saúde demandan "un novo plan de mellora da atención primaria e a rectificación da Xunta no que ten que ver coa política privatizadora do sistema sanitario público galego". Tamén indicaron que "dende o ano 2009 se estima un recorte acumulado de 2.188 millóns de euros" ao mesmo tempo que sinalaron que "o evidente deterioro do sistema sanitario galego ten como consecuencias as masificacións de consultas, os cupos médicos desbordados, a redución de profesionais, non levar a cabo as substitucións, o aumento das listas de espera en tempo e número, o peche de axendas en citas, as saturacións en servizos, os PACs ao límite, preocupacións unánimes entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais, doentes, etc."

Compartir: