CONSORCIO

O pianista coreano Kun-Woo Paik toca esta semana coa Real Filharmonía o "Concerto para piano" de Ravel

04/02/2019 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos. O primeiro será o mércores 6 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:00 horas, dentro da temporada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. O xoves 7, a orquestra tocará en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, no marco da súa temporada de abono. E o venres 8 repetirase parte da actuación para o público infantil e familiar dentro do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos.

O concerto do venres servirá para dar visibilidade á Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), que traballa no eido da inclusión sociolaboral dos colectivos en situación ou risco de exclusión social. Este concerto enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. Neste caso, as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibe dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. No que resta de temporada, a Real Filharmonía de Galicia dedicará varios concertos a apoiar a outras entidades, en particular a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Proxecto Home Galicia e Fademga.

Obras de Gershwin, Ravel e Walton
O mestre Paul Daniel, director titular da Real Filharmonía de Galicia, será o encargado de levar a batuta nos tres concertos. Baixo o título "Funny Face", o programa comezará precisamente coa abertura de Funny Face, do compositor estadounidense George Gershwin (1898-1937), recoñecido por elevar a comedia musical a unha forma de arte nos Estados Unidos. Este musical estreouse en Broadway no ano 1927, protagonizado por Fred Astaire. Na súa abertura predominan os ritmos latinos.

A continuación, o público poderá escoitar o Concerto para piano en Sol maior do francés Maurice Ravel (1875-1937), no que se aprecian influencias do jazz, o ragtime, o blues e mesmo da música española. É unha obra dunha grande esixencia técnica para o solista. Será interpretada polo virtuoso pianista coreano Kun-Woo Paik, que ofreceu o seu primeiro concerto con tan só dez anos, coa Orquestra Nacional de Corea. A súa carreira internacional despegou tras a súa primeira aparición en Nova York, onde tocou as obras completas para piano de Ravel no Lincoln Center, ademais do seu debut con orquestra no Carnegie Hall. O seu debut europeo tivo lugar en 1974 con tres recitais consecutivos no Wigmore Hall de Londres, seguidos doutro recital na Philharmonie de Berlín. Dende entón ten colaborado estreitamente cos directores máis prestixiosos e coas mellores orquestras. A súa gravación da integral de concertos de piano de Prokófiev recibiu o Diapason d´Or do ano e o premio da Nouvelle Académie du Disque de Francia. Na actualidade vive en París e é o director artístico do Festival de Música Costa Esmeralda en Dinard. O Goberno francés nomeouno "Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras" en 2000.

Compartir: