ALCALDÍA

Visto para sentenza o xuízo no que o Concello lle reclama á familia Franco a devolución das estatuas do Mestre Mateo

01/02/2019 Esta mañá quedou visto para sentenza o xuízo contra a familia Franco, despois de que o Concello de Santiago lle reclamara a devolución das dúas estatuas do Mestre Mateo que ten no seu poder. A vista celebrada esta mañá no Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid derívase da demanda que o Concello interpuxo contra os herdeiros do ditador en outubro de 2017, tras recompilar a documentación que demostra que as dúas figuras son propiedade municipal.

Como acontecera na vista previa celebrada en novembro de 2018, a familia Franco baseou a súa defensa na prescrición, porque entenden que as estatuas do Mestre Mateo lles pertencen despois do tempo transcorrido no seu poder. Fronte a iso, o Concello argumenta que as figuras de Abraham e Isaac forman parte do patrimonio histórico-artístico nacional e son imprescriptibles, tanto segundo a lexislación actual como segundo a que estaba vixente na ditadura. Tal e como explicou o director da asesoría xurídica do Concello, Xoaquín Monteagudo, "non hai prescrición posible cando falamos duns bens tan relevantes que, tal e como puidemos demostrar cunha escritura notarial de 1948 e cun expediente administrativo da época, foron adquiridos polo Concello de Santiago e son da súa propiedade". Pola contra, a familia Franco non puido achegar ningún documento que avale a súa tese de que as dúas estatuas lle foron compradas a un anticuario.

Ao remate da vista, o alcalde mostrou o seu desexo de que "a xustiza faga xustiza, despois de que o Concello de Santiago demostrara a titularidade de dúas pezas do patrimonio histórico artístico que deben estar en Compostela para o desfrute da súa veciñanza e dos milleiros de persoas que nos visitan cada ano". Ademais, Martiño Noriega insistiu na importancia de que "este xuízo xere un precedente sobre o expolio do patrimonio de todas e todos en beneficio da familia Franco, que segue botando man de argumentos con certo grao de indecencia, porque intentan proxectar ao ditador como se fora unha persoa particular".

As estatuas de Abraham e Isaac formaban parte orixinalmente do Pórtico da Gloria, pero foron retiradas nalgunha das reformas ás que foi sometida a fachada da Catedral de Santiago. As pezas do Mestre Mateo acabaron nas mans do Conde de Ximonde, que llas vendeu ao Concello compostelán en 1948, segundo figura nun documento notarial de compravenda. Dende entón estiveron instaladas nunhas escaleiras do Pazo de Raxoi. Crese que Francisco Franco e Carmen Polo viron as pezas nunha visita a Santiago en 1954, e foi entón cando se fixeron con elas.

En setembro de 2017, o Pleno da Corporación Municipal acordou por unanimidade reclamar a devolución das dúas estatuas, e un mes despois o Concello de Santiago iniciou o procedemento legal para conseguir que as pezas volvan formar parte do patrimonio municipal. Tamén o Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galicia teñen aprobado proposicións nesa liña, mentres que a Xunta iniciou o procedemento para a declaración das figuras do Mestre Mateo como Bens de Interese Cultural.

Compartir: