IGUALDADE E MEDIO RURAL

O Concello impulsa catro novos programas de empoderamento das mulleres do rural

01/02/2019 Os concelleiros de Medio Rural e de Igualdade, Rafael Peña e Marta Lois, presentaron hoxe tres novas accións que ambas concellarías impulsan durante os vindeiros meses en varias parroquias do rural compostelán.

O programa "As que fomos" ten como obxectivo fomentar o empoderamento individual e colectivo das mulleres de 12 parroquias (Verdía, Figueiras, Nemenzo, Bando, Marrozos, Marantes, A Gracia, A Peregrina, A Rocha, Cesar, San Xulián e Lamascal). Celebrarase durante os meses de febreiro, marzo e abril e contará tamén cunha exposición fotográfica ata o mes de decembro. Consistirá no desenvolvemento de cinco sesións formativas en cada parroquia, elaboración dunha peza audiovisual, unha exposición fotográfica e un encontro para compartir experiencias e crear redes.

O programa "Saúde e benestar" inclúe unha serie de actividades durante os meses de febreiro, marzo, abril, maio, outubro e novembro co obxectivo de fomentar a saúde integral das mulleres a través de diferentes intervencións grupais. Así, dentro desta acción inclúese o espazo "Mulleres que se encontran", que estará nas parroquias de Busto, Enfesta, Santa Cristina e Lavacolla durante os meses de febreiro e marzo. Destacan tamén os "Obradoiros da risa", que "tiveron moito éxito o ano pasado entre as mulleres participantes", tal e como sinalou Marta Lois. Celebraranse nas parroquias de Bornais, Villestro, Grixoa, Laraño, Aríns, Busto, Lavacolla e Marantes nos meses de outubro e novembro. En marzo, abril e maio realizarase tamén unha serie de andainas polo rural.

Outra das novidades deste ano é o programa "Nomes diferentes, mesmas oportunidades", pensado para dar cobertura ás necesidades de conciliación familiar e laboral durante o período vacacional das e dos menores nas zonas rurais do Concello, ao mesmo tempo que se crea un espazo para a transmisión e desenvolvemento dos conceptos de xénero, coeducación, igualdade de oportunidades, etc. Poderán participar nas actividades as crianzas de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

Obradoiros do rural
Ademais, seguiranse levando a cabo os obradoiros no rural, que chegarán a cinco parroquias de Compostela nos meses de febreiro e marzo. Serán no Centro Cívico de Verdía do 4 de febreiro ao 4 de marzo, os luns de 19:00 a 20:30 horas; no CC de Figueiras do 5 de febreiro ao 5 de marzo, os martes en horario de 18:00 a 19:30 horas; no CC de Nemezo do 6 de febreiro ao 6 de marzo, os mércores de 19:00 a 20:30 horas entre; no CC de Bando entre o 8 de febreiro e o 8 de marzo, cada venres de 20:00 a 21:30 horas; e no CC da Gracia entre o 7 de febreiro e o 7 de marzo, cada xoves de 19:00 a 20:30 horas.

Historia
No ano 2015, a Concellaría de Igualdade elaborou un Informe-diagnóstico participativo sobre a realidade e as condicións de vida das mulleres, no que se recollía que o rural compostelán seguía a ser descoñecido para a poboación, e a atención ás necesidades das mulleres catalogábase como escasa.

Co obxectivo de mudar esta realidade, en marzo de 2016, o Concello impulsou o programa "Vida propia", que buscaba potenciar o empoderamento das mulleres do rural favorecendo o seu crecemento persoal, benestar e calidade de vida.

De forma directa participaron neste programa 49 mulleres das parroquias de Enfesta, Villestro e Bornais. Esta iniciativa resultou moi satisfactoria para as participantes, existindo a demanda de darlle continuidade ou desenvolver actuacións deste tipo e estendelas ao conxunto do rural cun carácter estable e permanente. Seguindo esta liña de traballo, en marzo de 2018 púxose en marcha unha nova quenda de obradoiros de empoderamento nos que participaron 65 mulleres das parroquias de Busto, Santa Cristina, Laraño, Aríns , Sabugueira e Grixoa.

As accións que se desenvolverán nestes primeiros meses de 2019 buscan estender este tipo de intervencións a todas as parroquias do rural, cubrindo así as necesidades detectadas durante a execución dos obradoiros de empoderamento das anteriores edicións e dando cumprimento aos obxectivos contemplados no Plan de Igualdade Municipal 2017-2020.

Compartir: