MOCIDADE

Presentadas as nove actividades elixidas pola mocidade ao abeiro dos Orzamentos Participativos

29/01/2019 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, deu conta hoxe do calendario de actividades que se desenvolverán durante o 2019 e que vén de ser aprobado pola Xunta de Goberno Local do pasado venres.

A edila lembrou que "é o cuarto ano consecutivo que destinamos os 100.000 euros orzamentados para actividades á elección da mocidade de Compostela, que é, en definitiva, a destinataria das mesmas". Así, das 20 propostas que pasaron á fase final de votación, foron elixidas nove que se irán desenvolvendo en dúas quendas, a partir do mes de marzo-abril e á volta das vacacións de verán.

Neste 2019, unha terceira parte das actividades seleccionadas son novas, mentres que a porcentaxe restante está formada por accións que se viñeron desenvolvendo en edicións anteriores dos Orzamentos Participativos e que "tiveron moi boa acollida e éxito de participación". Dentro das novas estarían a actividade "Derrubando muros con pintura versión Compostelá", que levou 313 puntos; "Formación en consumo responsable e economía social en colexios, institutos e asociacións veciñais", con 225 puntos, e a actividade "Espazo de socialización en galego para nenos, nenas e adolescentes", cun total de 174 apoios.

Actividades consolidadas
Entre as accións elixidas pola mocidade de Santiago cómpre sinalar aquelas "que se están consolidando na programación da nosa cidade" e que son elixidas ano tras ano pola xente moza. Entre elas destacan a "Semana de cine ao aire libre", que se desenvolverá a partir do mes de maio e que conseguiu 279 puntos. Salienta tamén o éxito que tiveron as "Aulas de autodefensa para mulleres", que no mes de marzo e ata decembro celebrarán unha nova edición, cunha primeira quenda de marzo a maio e unha segunda de setembro a decembro. Neste caso conseguiron un total de 229 puntos.

Tamén no mes de marzo arrancarán as "Actividades con cans, fomento da educación e tenza responsable", acción que conseguira 225 puntos. A primavera é tempo tamén de que comece a segunda edición do "Hortalíza-TE (Hortas ecolóxicas e formación para a mocidade)", que se estenderá ata o mes de decembro. Esta actividade tivo un apoio de 204 puntos.

Outra das actividades que leva xa tres edicións é o "Boas Noites, lecer nocturno para a xuventude", que se realizará no mes de novembro no Centro Xove da Almáciga e que levou, no proceso de votación, 251 puntos. Xa no mes de setembro terá lugar o "Curso de lingua de signos", que tivo un total de 197 puntos.

Os obxectivos da programación pasan por atender as demandas e intereses da poboación moza da cidade, respondendo a través de varios eixos temáticos á diversidade desta sección da poboación. As actividades desenvolveranse en lugares da cidade como o Centro Cívico do Ensanche ou o Centro Xove de Creación Cultural.

Compartir: