ALCALDÍA E TURISMO

Noriega presenta Santiago en Fitur reivindicando "un turismo que aporte valor engadido e permita manter a esencia da cidade"

24/01/2019 O alcalde reivindicou hoxe o papel de Santiago como "destino dun turismo de calidade, que aporte un valor engadido á cidade e que permita que Compostela non perda nunca a súa esencia e a súa identidade". Foi durante a presentación da capital galega en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid. Martiño Noriega incidiu en que "Compostela está plenamente consolidada como destino turístico, e os esforzos feitos nos últimos anos na promoción internacional da cidade están dando os seus froitos".

Nun acto celebrado no pavillón de Galicia en Fitur, o alcalde lembrou os bos momentos que vive o sector turístico en Santiago, "unha cidade plenamente consolidada no panorama internacional, que conta cun posicionamento claro como final do Camiño e como Cidade Patrimonio da Humanidade, cunha excelente gastronomía e cunha inxente actividade cultural; elementos que nos posicionan dentro dos destinos máis puxantes de Europa". Nesa liña, Martiño Noriega explicou que "o tráfico aeroportuario ten medrado un 30% nos últimos catro anos, e a chegada de peregrinos aumentou un 37% no mesmo período"; e apuntou que a prioridade é agora "desenvolver produtos que nos permitan chegar a turistas de calidade que aporten un valor engadido na súa visita, que deixen un maior gasto medio por visitante e máis pernoctas, e que nos permitan non perder nin a nosa esencia nin a nosa identidade".

Turismo Literario e Turismo dos Bos Amores
O alcalde explicou que ao longo deste ano Turismo de Santiago traballará en catro ámbitos específicos: o Turismo Literario, o Turismo dos Amores, o Turismo MICE e o Turismo do Cine.

En canto ao Turismo Literario, Martiño Noriega apuntou que "a figura de Rosalía de Castro será elemento central da promoción, seguindo o espírito que levou ao Concello a impulsar o cambio de nome do aeroporto e na liña dalgunhas accións concretas que se desenvolveron con moi boa aceptación ao longo de 2018". As accións ao redor da escritora desenvolveranse, en parte, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, e permitirán poñer en valor os lugares de Santiago vencellados á autora.

Dun poema de Rosalía de Castro tamén nace a proposta de converter a Santiago "no destino do Turismo dos Bos Amores, o lugar no que celebrar eventos como enlaces, aniversarios e lúas de mel". Todo o potencial da cidade nese ámbito estará recollido nunha web dentro do portal xenérico www.santiagoturismo.com, con información sobre os recursos para quen queira casar en Santiago, sexa nunha cerimonia civil ou relixiosa; os mellores lugares para visitar nunha escapada en parella, as experiencias gastronómicas máis recomendables, ou mesmo os escenarios máis recomendables para fotografías de parella.

Turismo de Congresos e cidade de cine
Na súa presentación en Fitur, o alcalde tamén adiantou que o Goberno "seguirá apostando dun modo decidido polo fomento do Turismo de Congresos, Xornadas, Eventos e Incentivos, un tipo de turismo cun nivel moi importante de gasto medio e que contribúe a reducir estacionalidade da demanda". Dentro desta liña estratéxica, Turismo de Santiago difundirá unha guía profesional para organizadores de congresos e reunións, baixo o lema "Punto de Encontro" e máis un folleto de incentivos para mostrar as posibilidades que ofrece Santiago para este segmento. Martiño Noriega explicou, ademais, que para este ano xa está confirmada a celebración, no Palacio de Congresos, de ata 11 congresos médicos, que sumarán máis de 20.000 asistentes

Por último, Santiago presentouse na Feira Internacional de Turismo de Madrid como unha cidade ideal para a rodaxe de producións audiovisuais, tanto pola súa ampla diversidade de localizacións como pola existencia de servizos adaptadas ás necesidades das produtoras. O alcalde incidiu na experiencia nesta materia, "posto que o ano pasado Compostela acolleu máis de trinta rodaxes de 13 países distintos". As novas ferramentas de promoción neste ámbito serán o folleto "Ven rodar ao final do Camiño" e a Guía de Produción Audiovisual da Compostela Film Comission. Ademais, Martiño Noriega adiantou que Santiago solicitará a súa adhesión á Rede de Cidades Creativas da UNESCO no apartado de Cine. Esta rede foi creada en 2004 para promover a cooperación entre as urbes que consideren a creatividade como un factor estratéxico para o seu desenvolvemento urbano sostible, e na actualidade forman parte dela 180 cidades.

A presentación de Santiago como cidade ideal para converterse en escenario de rodaxes contou coa participación da actriz compostelá Nerea Barros. A intérprete, gañadora dun premio Goya, asegurou que "Santiago é un lugar imprescindible e marabilloso para rodar, e traballar na cidade é sempre unha experiencia singular e irrepetible".

Compartir: