ESPAZOS CIDADÁNS

Incorporadas parcialmente as alegacións presentadas á ordenanza de terrazas antes da súa aprobación definitiva polo Pleno

23/01/2019 O Goberno local volverá levar ao Pleno da Corporación a modificación da ordenanza municipal reguladora das terrazas e quioscos de hostalería, despois de estimar parte das alegacións que foron presentadas ao texto aprobado en xullo de 2018. A modificación máis salientable ten que ver co artigo que regula as modalidades de ocupación da vía pública coas terrazas, en resposta á alegación presentada pola asociación Hostalería Compostela.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe das modificacións introducidas na nova ordenanza de terrazas aprobada inicialmente no mes de xullo, e que agora volverá ao Pleno para a súa aprobación definitiva. Jorge Duarte explicou que "cos cambios do texto, o Goberno atende ás demandas do sector hostaleiro mantendo o espírito da norma, que pretende regular e limitar a ocupación do espazo público". Nesa liña, foi estimada parcialmente a alegación presentada pola asociación Hostalería Compostela en relación ao artigo que regula a localización da terraza con respecto á fachada do establecemento do que forma parte.

Na ordenanza actualmente en vigor sinalábase que "a terraza poderá situarse acaroada á fachada do establecemento ou estar separada desta ata un máximo de 20 metros", mentres que no texto aprobado en xullo se limitaba a casos excepcionais esa separación de ata un máximo de 20 metros da fachada do establecemento. Tras a toma en consideración da alegación de Hostalería Compostela, o texto recollerá que "con carácter xeral a terraza deberá situarse acaroada á fachada do establecemento e a súa lonxitude limitarase á da fachada do local do que é auxiliar; e xustificadamente, poderá estar separada do local ata un máximo de 20 metros". A ordenanza recolle que "cando a terraza se sitúe acaroada á fachada ou na liña de bordo da beirarrúa e sempre que non se soliciten ambas ocupacións simultaneamente, poderá autorizarse superar os límites da fachada do establecemento, previa solicitude debidamente fundamentada á que debe achegarse autorización dos propietarios dos locais comerciais estremeiros".

Do mesmo xeito, será precisa unha solicitude debidamente fundamentada para situar a terraza separada do establecemento. Nos dous casos, a concesión da autorización terá en conta cuestións técnicas como as características e morfoloxía dos espazos, o impacto visual, os fluxos de persoas e vehículos ou a afectación da accesibilidade universal. Sinálase ademais que "en ningún dos supostos de ocupación poderá ocuparse espazo fronte ou acaroado a portais de entrada de vivendas".

Outras alegacións
Jorge Duarte explicou que tamén se estimaron parcialmente as alegacións presentadas por dúas veciñas, que requirían a realización dunha memoria coas solicitudes de ocupación de espazos privados de uso público con terraza. Trátase de requirir que "o solicitante da instalación dunha terraza sen elemento fixo desmontable en chan privado aporte coa solicitude unha memoria na que se xustifique o impacto da actividade no entorno, valorando a superficie do espazo, o uso de espazos colindantes, e unha exposición razoada acerca do incremento que a nova instalación poida supor sobre o ruído existente e como afectaría ás vivendas do entorno".

Os cambios xurdidos das alegacións súmanse ás modificacións introducidas na ordenanza en vigor e xa sometidas a aprobación inicial en xullo "co obxectivo de regular a figura das terrazas sitas en chan privado antes as confusións que xeraba o texto e que na práctica impedía a concesión de licenzas en terreos privados".

Terrazas con pechamento e outros cambios
Ademais, as modificacións xa aprobadas no Pleno de xullo afectábanlle ás terrazas con pechamento, "posto que a ordenanza municipal en vigor incumpría unha lei de rango superior relacionada coas concesións demaniais do espazo público que fixa nun máximo de catro anos estas concesións fronte aos dez anos que autorizaba o Concello de Santiago para esas estruturas". Jorge Duarte explicou que "se permitirá que as terrazas con pechamento esgoten o prazo de concesión sempre que respecten escrupulosamente as condicións polas que lles foi outorgada", e adiantou que o obxectivo é que "na zona histórica non haxa terrazas con pechamento porque entendemos que teñen demasiado impacto nunha área que ten que ser protexida".

Por último, introduciuse unha nova redacción no artigo que regula os horarios das terrazas, atendendo as demandas do sector hostaleiro, de xeito que a limpeza e retirada do mobiliario da terraza deberá facerse no prazo máximo de 30 minutos unha vez rematado o tempo de permanencia permitido para a terraza.

Compartir: