DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E TURISMO

O Palacio de Congresos acolle unha nova edición da Feira de Antigüidades, Coleccionismo e Vintage

23/01/2019 Os días 25, 26 e 27 de xaneiro volve celebrarse no Pazo de congresos da nosa cidade a Feira de Antigüidades, Coleccionismo e Vintage, que vai xa pola súa sexta edición. Os detalles da mesma déronos a coñecer a concelleira de Turismo, Marta Lois, e os organizadores do evento, Marycruz Madrid e Ángel Moix.

Trátase dunha feira que, tal e como sinalou a edila, "converteuse nunha das citas anuais de referencia no mundo do coleccionismo", con preto de 30.000 pezas á venda e unha afluencia estimada de 2.500 persoas en cada edición. A concelleira quixo animar "a veciñanza e visitantes a achegarse pola Feira durante os tres días de evento", cuxa entrada ten un custo de 3 euros para os tres días.

Pola súa banda, Ángel Moix sinalou que "este evento está crecendo ano a ano, con 58 expositores de numerosas partes do Estado, así como de Portugal, Inglaterra e Francia". Trátase ademais dunha oportunidade para lembrar os xoguetes e os recordos da infancia, polo que é unha actividade ideal para que as persoas adultas acudan tamén coas crianzas.

Marycruz Madrid, tamén organizadora, anunciou que o domingo se sorteará "unha peza que escolleremos da tenda" e animou tamén as persoas que se acheguen ao Pazo de Congresos a que "taxen as pezas que teñan na casa e intenten chegar a un bo trato cos expositores".

A inauguración desta sexta edición será o vindeiro venres 27 de xaneiro ás 17:00 horas e estará aberta ata as 21:00 horas. O sábado e o domingo o horario irá dende as 11:00 ata as 14:30 e dende as 16:30 ata as 21:00 horas.

Compartir: