PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica amosa as súas instalacións e servizos aos cidadáns

30/01/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Mercados, Xosé Manuel Iglesias, acompañado polo primeiro tenente de alcalde do Concello, Néstor Rego, presentou as oficinas e centros de formación que dependen do departamento. O obxectivo da visita era amosar os recursos físicos cos que conta a Concellaría e os servizos que presta á cidadanía.

A visita comezou polas instalacións da Rúa do Hórreo, de 380 metros cadrados. Neste centro, aberto en decembro de 2006, traballan dezasete persoas, quince das cales son mulleres. Once pertencen ao Proxecto Crear, e as outras seis ao Programa de Apoio á eliminación de barreiras para a inserción sociolaboral. A partir do mes de febreiro as instalacións tamén albergarán o Servizo Integral de Asesoramento ao Comercio (SIAC).

O obxectivo do Proxecto Crear é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregadas e desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. Neste momento estase a desenvolver o Proxecto Crear III, que comezou o 1 de xuño do 2006 e remata o 31 de maio do 2007. 53 persoas accederon ao mercado laboral a través deste programa, no que colaboran o resto de concellos da comarca.

Pola súa parte, o programa de apoio á eliminación de barreiras para a inserción socio-laboral pretende favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. Trátase dun programa experimental que consiste na prestación de servizos eventuais e de carácter extraordinario a persoas dependentes, como levar os nenos á escola, acompañar aos maiores ao médico, coidar a un familiar enfermo, etc.

Equal Compostela Social

A seguinte parada foi na Rúa da Rosa, cuxas instalacións contan con 200 metros cadrados. Nelas traballa un equipo de cinco mulleres: dúas docentes, unha administrativa, unha coordinadora de accións formativas e unha técnica de xestión e control financeiro. O equipo desenvolve o Proxecto Equal Compostela Social.
Proxecto Equal Compostela Social. O seu obxectivo é lograr a inserción laboral de persoas pertencentes a colectivos de difícil acceso ao mercado de traballo mediante a creación das súas propias empresas.

Dende que comezou a súa andadura, en novembro de 2005, no marco de Equal Compostela Social creáronse 23 empresas, 18 delas (o 78%) constituídas por mulleres e as outras cinco por homes. O proxecto basease na cooperación entre institucións e organizacións e nel participan os concellos de Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, a Consellería de Traballo, a Universidade de Santiago, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Santiago, a Cámara de Comercio da cidade, a Plataforma polo Emprego e Cogami.

Formación

No eido da Formación, a Concellaría posúe o Centro de Formación de Pérez Constanti, de 240 metros cadrados. O centro atópase en proceso de homologación pola Xunta para impartir cursos de formación ocupacional da área de servizos á empresa. Neste centro, no que traballan cinco mulleres, catro delas titoras.

Aquí tamén se ubican as oficinas do Proxecto Persoa. Neste momento estase a desenvolver o Proxecto Persoa III, que comezou en marzo de 2006 e rematará o 15 de xuño de 2007. O seu fin é promover a integración laboral de colectivos con dificultades para acceder ao mercado de traballo a través da súa participación nun proceso integral de inserción. 28 usuarios do Proxecto Persoa III insertáronse laboralmente nos últimos nove meses. Outras sete persoas traballaron nalgunha fase do proxecto e agora están á procura de emprego. Neste programa experimental participan 90 persoas (84 mulleres e 6 homes), que reciben formación en 6 especialidades.

Tamén para a formación está destinado o Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns: Neste centro impártense clases de formación para o emprego, como o Obradoiro de Emprego e Cursos de Formación e Inserción Profesional (FIP), con once especialidades homologadas pola Xunta. No ano 2006 ampliáronse as instalacións en 300 metros cadrados, pasando de 1.300 a 1.600 metros cadrados.

Cersia

Cara o futuro, estase a construír o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa, ubicado en San Lázaro, que será a futura sede das oficinas da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Mercados. Esta previsto que Cersia Empresa entre en funcionamento ao longo do ano 2007.

O edificio será un centro de referencia que aglutinará e coordinará os servizos e recursos que presta o Concello ás empresas da cidade, aos investidores foráneos interesados en instalarse en Santiago, aos emprendedores, aos demandantes de emprego e aos comerciantes. No Cersia Empresa prestaranse servizos de asesoramento e apoio á nova empresa e as empresas xa consolidadas e formación continua e ocupacional na área de emprego.

O edificio contará cunha superficie construída de 1.630 metros cadrados, divididos en dúas plantas. Nel ubicaranse oficinas, salas de reunión e aulas de formación. A fachada sur disporá de paneis fotovoltaicos no segundo nivel para aforrar enerxía, instalados en colaboración co INEGA sobre unha superficie de 245 metros cadrados.

A visita rematou nas oficinas centrais da Concellaría de Promoción Económica en San Lázaro. Dende as instalacións, de 380 metros cadrados, coordínanse as actividades que se desenvolven nas áreas deste departamento. Nelas ubícase o Servizo de Orientación Laboral, o Servizo de Promoción do Emprendemento e o Servizo de Atención ao Comercio.

Compartir: