FACENDA

O alumnado do IES Xelmírez coñece o proceso de elaboración dos orzamentos da man de María Rozas

16/01/2019 O alumnado do IES Xelmírez I mantivo hoxe un encontro coa concelleira de Economía e Facenda para coñecer como é o proceso de elaboración dos orzamentos municipais. María Rozas recibiu unha trintena de alumnos e alumnas do centro, interesados tamén en afondar no proxecto de orzamentos participativos que vén desenvolvendo o Goberno local.

A xuntanza, celebrada no Salón de Plenos do Pazo de Raxoi, é xa unha actividade habitual impulsada desde o IES Xelmírez I. A concelleira de Economía e Facenda explicou cales son os capítulos nos que se divide un orzamento municipal e a que se poden destinar as diferentes partidas. María Rozas tamén deu conta de como se afronta a elaboración do documento dende os seus inicios, como transcorren as negociacións entre os diferentes grupos políticos, e tamén do que supón prorrogar as contas, a situación na que se atopa Santiago na actualidade tras o voto en contra dos tres partidos da oposición á proposta de orzamentos do Goberno.

O alumnado interesouse especialmente polo proxecto dos orzamentos participativos, que vén desenvolvendo o Goberno local e que facilita que a cidadanía elixa directamente a que se destina parte dos recursos públicos.

A visita está impulsada polo profesor do IES Xelmírez I Andrés Fariña, quen tamén ocupou no seu día a Concellaría de Facenda no Concello compostelán.

Compartir: