ACCIÓN CULTURAL

Concertos para maiores e unha actuación en Braga, no primeiro trimestre da Banda Municipal

16/01/2019 A Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá máis dunha ducia de concertos no primeiro trimestre deste ano. Ademais das actuacións habituais no Teatro Principal, a formación visitará as residencias de maiores da cidade e estará en Braga grazas á colaboración co grupo Canto Daquí.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director da Banda Municipal de Música, Casiano Mouriño, presentaron este mércores a programación do primeiro trimestre do ano. A concelleira salientou que "nos próximos meses a Banda manterá a intensa actividade que desenvolveu o ano pasado, durante a celebración do seu 170 aniversario, tratará de achegarse a públicos diversos e seguirá fomentando a colaboración con diferentes entidades e nomes propios da música".

Xaneiro: a Banda colabora con Suso Vaamonde
Despois dos concertos vinculados á programación de Nadal, o da Cabalgata e o de Reis, a Banda Municipal de Música regresará ao Teatro Principal o próximo domingo, día 20. Despois diso, o mes de xaneiro estará marcado pola colaboración da Banda con Suso Vaamonde, un músico de recoñecido prestixio e cunha longa traxectoria na música tradicional. Con el, a formación ofrecerá dous concertos didácticos no Auditorio de Galicia, os días 24 e 25, e outro aberto ao público en xeral no Teatro Principal, o domingo 27.

Os concertos nos que Suso Vaamonde actuará como músico narrador teñen como obxectivo "poñer en valor unha das simbioses máis antigas que se teñen dado no país: a da combinación entre instrumentos propios das bandas de música cos instrumentos populares galegos". Así, a Banda Municipal introducirá no seu repertorio a gaita, o acordeón ou a pandeireta, e tamén instrumentos menos estendidos como o asubío, o birimbao ou o carrizo. As pezas que se escoitarán nestes concertos serán na súa maior parte arranxos de Juan Lois Diéguez, e durante as actuacións Vaamonde irá explicándolle ao público, dun xeito ameno e divertido, o funcionamento dos diferentes instrumentos e a súa historia.

Febreiro: concertos para maiores e converxencias con Portugal
No mes de febreiro, na axenda da Banda Municipal de Música compartirán protagonismo as persoas maiores e Portugal. Casiano Mouriño levará a formación á residencia José Otero-Carmela Martínez, o 6 de febreiro; á residencia de Volta do Castro, o día 7; e ao centro de Porta do Camiño, o 8 de febreiro. Todos os concertos serán ás 11:30 horas.

Febreiro será tamén o mes no que se visualice o froito da colaboración entre a Banda Municipal de Música e o grupo portugués Canto Daquí. Será a través de dous concertos, codirixidos por Casiano Mouriño e Filipe Cunha. O primeiro deles será en Braga, no Auditorio Vita, o domingo 17 de febreiro, e o segundo no Teatro Principal, o sábado 23 de febreiro.

Marzo: grandes colaboracións
No mes de marzo, a Banda Municipal de Música de Santiago intensificará as colaboracións nos seus concertos. O mes comezará co concerto Compostela Lírica, no que a formación de Casiano Mouriño contará coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Da súa man, os músicos da Banda estarán acompañados no Teatro Principal polas sopranos Lucía Tavira e Alejandra Esteban, gañadoras do primeiro concurso Compostela Lírica.

Para o 8 de marzo, no Auditorio de Galicia, está previsto un concerto no que colaborarán a Banda Municipal de Música e a banda do Conservatorio de Música Profesional de Santiago. Máis adiante, o día 16, a Banda ofrecerá outra actuación especial no marco do Festival Atlántica sobre Brancaneves e con Pepe Pérez como narrador.

A programación do primeiro trimestre rematará con Un concerto de altura, no que a Banda Municipal de Música contará con Carlos Garcés como director invitado. Garcés é director titular da Banda Sinfónica de Santa Cecilia de Cullera e vén de publicar o seu primeiro disco, NVMANCIA, coa Orquesta Lira Numantina de Soria. Ten sido galardoado como mellor director de orquestra no ano 2011 e como mellor director no Certame para Orquestras de 2017 no Palau de les Arts, e ao longo da súa traxectoria dirixiu a Orquesta de RTVE, Orquesta de Valencia, Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Sinfónica del Principado de Asturias, Orquesta Filarmónica de Gran Canaria, Sinfónica de Navarra, Sinfónica de Bilbao ou a Banda Municipal de Mallorca. O concerto está previsto para o domingo 31 de marzo.

Balance do 170 aniversario
A concelleira de Acción Cultural e o director da Banda Municipal de Música aproveitaron a rolda de prensa para facer balance da celebración, ao longo de 2018, do 170 aniversario da formación. Casiano Mouriño salientou que "foron moitos os actos desenvolvidos nos últimos meses para poñer en valor a Banda, nos que mantivemos interesantes colaboracións que serviron para reivindicar a formación". Entre as actividades programadas, o director destacou a colaboración da Banda coa Real Filharmonía de Galicia nas festas da Ascensión e o concerto coa Banda da Coruña.

Casiano Mouriño tamén recoñeceu que "para a Banda foi moi importante a exposición na Casa do Cabido en colaboración co Consorcio de Santiago, porque mostrou a historia da Banda e recoñeceu o traballo de todos os músicos e directores que pasaron pola Banda nestes 170 anos", e expresou a satisfacción de todas as persoas da Banda "por conseguir encher o Auditorio na presentación do seu disco, no pasado mes de decembro"

Compartir: