DEPORTE

Santa Isabel acolle este sábado o Campionato Galego Sénior e Cadete de Loitas Olímpicas

16/01/2019 O pavillón municipal de Santa Isabel acollerá este sábado, 19 de xaneiro, o Campionato Galego Sénior e Cadete de Loitas Olímpicas, nas modalidades de loita libre olímpica, loita feminina e grecorromana. Participarán 138 deportistas de 14 equipos procedentes das catro provincias galegas.

A Federación Galega de Loita, en colaboración co Club de Loita Stellae e o Concello de Santiago de Compostela, organizan este Campionato Galego nas categorías cadete (de 15 a 17 anos) e sénior (a partir dos 18 anos). A competición desenvolverase en xornada de mañá, dende as 10:00 ata as 14:00 horas, de xeito ininterrompido. A entrada é de balde.

Este campionato será o primeiro filtro para seleccionar os/as deportistas sub-23 que acudirán aos campionatos de España representando a Galicia o sábado 2 de febreiro en Madrid. Pola súa parte, os/as deportistas sénior terán o seu campionato de España na propia cidade de Santiago o 2 de marzo.

Galicia é un referente neste deporte das loitas olímpicas. Como mostra, o cartel do evento ten na súa fotografía principal a José Cuba Vázquez, do Club de Loitas Olímpicas de Vilalba, 16 veces campión de España en loita libre olímpica na categoría de peso absoluta. Tamén inclúe unha instantánea de Noelia Lalín Canda, do Club Keltoi de Vila de Cruces, campioa de España absoluta de loita feminina, que conta tamén con varias participacións en mundiais.

Compartir: