FESTAS

Máis de 12.000 euros en premios para o desfile do Antroido

30/01/2007 O martes 20 de Antroido celebrarase un ano máis o tradicional desfile de carrozas e comparsas. A participación é libre neste concurso, que repartirá 12.200 euros en premios.

Os gañadores dos galardóns á mellor carroza e á mellor comparsa recibirán 2.000 euros respectivamente. No primeiro caso haberá catro premios máis, mentres que poderán ser recoñecidas ata 13 comparsas máis, grazas aos 10 accésit que se concederán. Tamén haberá premios para os mellores grupos caracterizados, para as parella mellor caracterizadas e para os mellores disfraces individuais.

Para o correcto funcionamento deste concurso, a Concellaría de Festas publicou as normas de participación, que está aberta a tódalas asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. As carrozas, comparsas e demais participantes presentaranse diante da Estación do Ferrocarril, a partires das 16:30 horas do día 20 de febreiro. O itinerario do desfile, que comeza ás 17:30 horas, será o seguinte: rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na Avenida de Xoán Carlos I. O xurado dará a coñecer a súa decisión ao remate do desfile, no Paseo Central da Alameda.

A inscrición para todos estes concursos formalizarase na Concellaría de Festas, sita na Rúa Nova, 21, ata as 14:00 horas do día 19 de febreiro. As comparsas, carrozas, parellas e disfraces individuais, levarán un número de identificación no desfile, que se lles facilitará no momento da inscrición e que deberá ser presentado en caso de ser premiados para poder cobrar os premios así coma o DNI).

As carrozas terán como máximo 2,50 metros de ancho e 4,20 metros de alto. Non se permitirá a saída das que superen dita medida. Unha vez rematado o desfile, as carrozas aparcarán na Avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao Paseo Central da Alameda.

Compartir: