POLÍTICAS SOCIAIS

Os servizos sociais municipais chegaron ata o 13% da poboación no último ano

08/01/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta esta mañá dos programas e accións desenvolvidos polo Departamento de Políticas Sociais no 2018 en relación ao comezo do mandato. A edila estivo acompañada das técnicas encargadas de elaborar o informe-memoria, a xefa de Servizo da Área de Acción Social, Teresa Furelos, e a xefa de Sección, Eva María González.

"Cando falamos de que se invisten 108 euros por habitante e ano, non nos referimos só a unha cifra senón a programas específicos que colocan o S de social nas políticas públicas e que buscan mellorar a vida e o benestar das persoas", explicou Concha Fernández.

Na rolda deu conta do programa municipal de bolsas de comedor, dirixido á protección da infancia e a mellora da conciliación das familias coa nova modalidade creada en 2016; tamén se referiu ao servizo de axuda no fogar, dirixido ás persoas maiores e dependentes e, finalmente, á implantación da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá, dirixida a persoas en risco de exclusión social que non poden acceder a prestacións autonómicas.

O 13,18 % da poboación residente en Santiago de Compostela foi usuaria dalgún dos programas que se implementan dende os Servizos Sociais Comunitarios Básicos deste concello. Así, nos últimos catro anos, o número de veciñas e veciños de Santiago de Compostela que se achegaron ao Departamento de Servizos Sociais Comunitarios incrementouse nun 69,44 %, que evidencia o esforzo de achegar cada vez máis o servizo, os programas que se implementan dende o mesmo e os recursos que se xestionan dende este dispositivo á cidadanía de Santiago de Compostela. Das 7.239 consultas que había no 2015 pasamos ás 12.266, sen que exista un incremento no número de persoas en risco de exclusión social, que pasou do 16,67% en 2015 ao 12,47%.


Concha Fernández explicou que no 2018 se concederon un total de 1.165 bolsas, 1.095 na modalidade de escaseza de recursos (521 de comedor, 431 de actividades e 143 de material) e 70 na modalidade de conciliación. Comparativamente cos anos anteriores, existe un incremento do 4,41% en relación ás bolsas concedidas o ano pasado e do 48,74% en relación a hai dous cursos académicos.

"A maior diferenza obsérvase en relación ao orzamento destinado, xa que pasamos dos 70.000 euros existentes en 2015 aos 585.000 do 2018, o que supón un aum,ento de máis do 700% en menos de 4 anos", sinalou Fernández.

Servizo de Axuda no Fogar
Un dos obxectivos do Servizo de Axuda no Fogar é chegar ás persoas maiores e dependentes que viven en Compostela. Segundo os datos que figuran no Padrón municipal, hai un 20% de poboación maior de 65 anos vivindo en Compostela e, desa porcentaxe, máis de 3.000 maiores de 65 anos que viven sós e "por iso é importante desenvolver programas que melloren a súa calidade de vida".

Así, o contrato do SAF que está en vigor a día de hoxe duplica o orzamento do anterior e incrementa ata nun 40% as horas de atención. Con el estase atendendo a 257 persoas a 31 de decembro e un total de 9.550 horas, o que supón atender o 99% das horas ofertadas pola Xunta de Galicia. Existe, por tanto, un incremento do 54% en relación ás horas prestadas en 2015 e estase atendendo a un 34% máis de persoas usuarias.

Ordenanza de Garantía Básica Cidadá
No que ten que ver coa Ordenanza de Garantía Básica Cidadá, no 2018 chegouse a un total de 332 persoas, a diferenza das 149 do 2015 "aumento que se debe ao maior coñecemento deste tipo de servizos municipais por parte da veciñanza e por non cumprir os requisitos doutras prestacións".

Así, desglosadas por categorías, 126 correspóndense a necesidade básicas, 21 a habitabilidade e pobreza enerxética, 6 a equipamento básico, 4 a dependencia e discapacidade, 10 a outros gastos, 10 ao fomento do dereito á educación e 10 ao fomento da saúde buco-dental.

Compartir: