MEDIO AMBIENTE

Constituída a comisión encargada de estudar a xestión da auga

07/01/2019 Esta mañá quedou constituída a comisión encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais. Dáselle así cumprimento ao acordado no Pleno do pasado mes de novembro.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presidiu a reunión na que quedou oficialmente constituída a comisión da auga, da que forman parte a concelleira de Facenda e Persoal, dous representantes do PP, un do PSOE e un do BNG; o interventor municipal, o secretario do concello, os directores das áreas de Urbanismo, Facenda e Persoal e Asesoría Xurídica; os xefes dos servizos de Contratación, Persoal e Saneamento, e o economista da Oficina Orzamentaria.

Na xuntanza de hoxe acordouse contratar unha consultoría externa que realizará un estudo comparativo das distintas opcións para a xestión dos servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais, que contemplará tanto a posibilidade da xestión municipal como as diferentes opcións de xestión indirecta. Está previsto que o prazo para a elaboración dese informe sexa de dous meses.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que "o servizo da auga leva 34 anos sendo xestionado en Santiago pola mesma empresa, cun contrato que vencía en 2007 pero que no ano 1998 se acordou prorrogar ata 2019". Para o edil, "é fundamental reflexionar sobre os modelos de xestión, pero tamén sobre as mudanzas lexislativas e os cambios na estrutura da cidade que lle afectan a un servizo esencial e que lle afecta directamente á vida da cidadanía como é o da auga".

Compartir: