NADAL

Éxito de participación nas actividades programadas polo Concello neste Nadal

07/01/2019 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, fixo esta mañá un balance da afluencia ás actividades programadas polo Concello durante este Nadal. Tal e como sinalou Novoneyra, "estamos moi satisfeitos e satisfeitas da acollida que tiveron as accións, non só polo número de persoas participantes senón tamén polo retorno que tivemos ao longo das festas, que viñeron acompañadas de bo tempo na maioría dos días".

A concelleira destacou a "transversalidade das propostas que vimos elaborando para as festas durante estes anos e que engloban a departamentos como Festas, Comercio, Deportes, Mocidade, Centros Cívicos ou Lingua". Así, Santiago ofreceu numerosas propostas dende finais do mes de novembro, co acendido do alumeado de Nadal, "converténdose nunha das cidades cunha maior e máis variada programación para estas datas".

Acción Cultural e Festas
A actividade máis ilusionante para os nenos e nenas foi, sen dúbida, a cabalgata de Reis, cunha estimación de 30.000 persoas de todas as idades nas rúas e 4.000 nunha praza do Obradoiro que acolleu un espectáculo de circo deseñado por Pablo Méndez. Ademais, arredor de 2.000 persoas, entre cativanza e os seus pais e nais, acudiron á recepción que os Reis Melchor, Gaspar e Baltasar deron no pazo de Raxoi.

Pero antes da chegada dos Reis Magos a Compostela, os nenos e as nenas de Santiago recibiron a visita do Apalpador, que percorreu as rúas do Casco Histórico na ruada do 20 de decembro, reunindo a preto de 1.000 persoas, e achegouse aos centros cívicos do municipio nas actividades organizadas por Talía e Cachirulo.

O Teatro Principal acolleu do 17 ao 20 de decembro o festival FestAlegre, nacido ao abeiro dos orzamentos participativos de festas e que congregou a preto de 750 persoas.

Pola súa banda, a festa de fin de ano congregou no Obradoiro a 2.000 persoas, que quixeron despedir o 2018 dende a popular praza e que asistiron ao concerto de The Agapornis. Posteriormente a festa trasladouse á praza de Cervantes, onde arredor de 500 persoas gozaron de Phonorama e DJ Mill.

Comercio
Dentro das actividades programadas destaca o Marcado de Nadal, cunha afluencia de preto de 30.000 persoas e onde "cómpre sinalar a satisfacción dos artesáns e das artesás polo nivel de vendas. É unha actividade que chegou para quedar e que vén a cubrir unha oferta que non tiñamos", tal e como asegurou a concelleira de Acción Cultural. Este ano ademais o Mercado de Nadal veu acompañado do Festicult que se celebrou os sábados e os domingos na carpa da praza do Toural.

Tamén tivo moito éxito o carrusel do Obradoiro, que foi de balde e ao que se subiron aproximadamente 13.000 nenos e nenas durante as tres semanas que estivo operativo, "cun incremento en relación ao ano pasado polo bo tempo que tivemos estes días".

En canto á pista de xeo instalada na Alameda, houbo unha afluencia de 9.000 persoas, das cales 3.000 entradas, é dicir o 30% aproximadamente, correspondeuse con boletos familiares, "o que reforza a natureza recreativa e deportiva desta instalación". A pista da Alameda permanecerá aberta ata o próximo 27 de xaneiro.

Outras actividades
A programación de Nadal do Concello non só destaca pola programación infantil ou para público adulto, senón tamén aquela centrada na poboación moza. Así, o Centro Xove da Almáciga acolleu o 13 de decembro o concerto final da actividade Jam de Barrio, cunha participación de 200 persoas. O Mercado da Estrela, celebrado os días 14,15 e 16 de decembro en varias localizacións da cidade como o Matadoiro, a praza 8 de marzo ou o Museo do Pobo Galego, reuniu a preto de 12.000 persoas.

Unha das actividades de maior éxito do Nadal en Compostela foi o Belén de San Fiz, que por cuarto ano consecutivo se puido visitar na igrexa que leva ese mesmo nome, situada na praza de Abastos. Por alí achegáronse arredor de 26.810 persoas, cunha media de 745 ao día.

Tamén destacou o Festival Apego, no Auditorio de Galicia, e que reuniu o día 22 de decembro a 1.200 persoas. Outra das actividades que medrou en relación a anos anteriores foi a tradicional San Silvestre Compostelá, coa participación de 2.200 atletas, a cifra máis alta dende que se estableceu esta carreira.

Compartir: