ALCALDÍA

O Estadio Municipal de San Lázaro xa leva o nome de Verónica Boquete

04/01/2019 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu o acto polo que o Estadio de San Lázaro pasa a denominarse Estadio Municipal "Verónica Boquete" de San Lázaro. A cerimonia de descubrimento da nova nomenclatura contou coa presenza da protagonista, a futbolista compostelá Verónica Boquete.

O cambio de denominación fora aprobado por unanimidade da Corporación o pasado mes de novembro, recoñecendo así a unha das figuras deportivas máis importantes de Santiago de Compostela. Verónica Boquete, que actualmente xoga no Beijing BG Phoenix da Superliga china, escribiu o seu nome na historia converténdose na primeira futbolista española que xogou como internacional na Champions en 2014, e foi tamén a primeira en gañar a máxima competición continental. En 2015 foi a elixida para dar o pregón das festas do Apóstolo, no que apelou o seu orgullo por levar o nome de Compostela polo mundo.

Unha carreira chea de méritos deportivos
Entre os campionatos disputados destacan a Copa da Raíña, W-League, Damallsvenskan, Eurocopa sub-19, Liga de Campións, Copa de Algarve e dous Mundiais. Ademais, dende 2015, Verónica Boquete é embaixadora da UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino, labor que leva a cabo tamén na súa cidade natal, Santiago de Compostela, a través do campus que leva o seu nome. Recentemente, foi homenaxeada na delegación da Federación Galega de Fútbol, onde se dedicou unha das aulas de formación á súa figura deportiva.

As traxectorias profesionais de deportistas como Verónica Boquete son as que están consolidando o auxe do fútbol feminino. Isto, xunto coa súa paixón polo fútbol e os valores que transmite, repercuten moi positivamente na actitude das nenas cara a este deporte tan masculinizado, desafía os roles tradicionais de xénero e favorece claramente a igualdade de xénero.

Os catro grupos da Corporación entenderon que o mellor xeito de recoñecer a impresionante traxectoria profesional desta futbolista compostelá, así como a súa influencia positiva na sociedade e a súa gran implicación na nosa cidade co fútbol base masculino e sobre todo feminino, é que o Estadio de San Lázaro leve o seu nome, pasando a chamarse Estadio Municipal "Verónica Boquete" de San Lázaro.

Compartir: