XUNTA DE GOBERNO

Concedidas dúas licenzas para acometer actuacións no interior da Catedral

04/01/2019 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu conta hoxe dos asuntos tratados na primeira Xunta de Goberno ordinaria do 2019. Os acordos inclúen varias licenzas, devolución de fianzas e os traspasos de dúas casetas da Praza de Abastos.

Na xuntanza cordouse conceder un total de seis licenzas urbanísticas para a construción de dúas vivendas, unha piscina e para acometer algunhas actuacións no interior da Catedral compostelá. Tal e como explicou o rexedor, "as licenzas concedidas pola Comisión Asesora para as obras da Catedral son as que contan cun informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio".

Así, restauraranse os parámetros interiores e as bóvedas da Catedral e modificaranse algúns elementos na entrada das capelas de San Pedro, Salvador e Mondragón. Tamén se concedeu a retirada das placas conmemorativas e outros elementos contemporáneos e funcionais presentes nas naves. As actuacións que quedan están pendentes da presentación de máis documentación ante a Dirección Xeral de Patrimonio.

Outros asuntos
A Xunta de Goberno tamén aprobou varias bonificacións fiscais na taxa do lixo e no imposto de plusvalías, e acordou a devolución de catro fianzas por diversos contratos relacionados coa sinalización vertical e horizontal no termo municipal.

Tamén se concedeu o traspaso de dúas casetas da Praza da Abastos destinadas á venda de peixe, marisco e derivados, así como á venda de téxtiles, confeccións e complementos.

Prórroga de orzamentos
A preguntas dos medios, o alcalde de Santiago referiuse á prórroga orzamentaria, apuntando que "a primeira estimación feita polos servizos económicos do Concello indica que hai unha diminución do orzamento dispoñible respecto á proposta rexeitada pola Corporación de 20 millóns de euros". Martiño Noriega sinalou que esta diminución "afecta ao capítulo de investimentos, así como a novos contratos que están en licitación como os de conserxería e limpeza ou a Ludoteca das Fontiñas" e engadiu que "se ven afectadas as melloras comprometidas co cadro de persoal". Noriega lembrou que as centrais sindicais votaron favorablemente a proposta de orzamento do Goberno.

O rexedor informou dos pasos que ten previsto dar o Goberno local "para minorar, que non eliminar, este impacto sobre o orzamento". Así, o Goberno dispón de dúas vías, "ben a través de decretos da Concellaría de Facenda para as partidas pequenas ou ben vía modificativos de crédito que nos permitan garantir os investimentos máis importantes e os compromisos con outras administracións, como poden ser a Intermodal ou as actuacións nos Camiños de Santiago, cuestións que terán que pasar polo Pleno da Corporación".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: