DEPORTE

O Concello destinou preto dun millón de euros en 2018 a investimentos en instalacións deportivas

02/01/2019 A concelleira de Deporte, Noa Morales, fixo balance en rolda de prensa dos investimentos e das principais actividades desenvolvidas polo Departamento de Deportes no ano 2018, que foi un ano marcado "por importantes obras en moitas instalacións deportivas da nosa cidade". Así, o Concello investiu preto dun millón de euros en obras "moi necesarias, xa que Compostela conta con numerosas instalacións deportivas que precisaban un importante esforzo na súa renovación".

A principal obra foi a realizada no Campo de Fútbol de Santa Isabel, cun importe de 600.000 euros e na que se renovou e ampliou o céspede sintético, ao mesmo tempo que se melloraron as condicións de accesibilidade. Ademais do céspede, renovouse completamente o equipamento con novas porterías de fútbol 11 e fútbol 8, bancos novos e parabalóns perimetrais. A nova zona de adestramento para porteiros e porteiras conta con idénticas calidades que o terreo principal, ao que se lle instalou un sistema de iluminación LED de baixo consumo enerxético.

Tamén se renovou completamente o sistema de rego, mediante execución de canóns emerxentes ocultos, para evitar interaccións non desexadas cos xogadores e xogadoras durante os partidos e evitar lesións.

Apóstolo Santiago e Lamas de Abade
Outras obras importantes foron as realizadas no polideportivo do Apóstolo Santiago, cun importe de 235.000 euros, e o acondicionamento do campo de fútbol de Lamas de Abade, con preto de 100.000 euros. No primeiro caso, este investimento supuxo unha intervención global no edificio, mellorando considerablemente as súas prestacións, tanto a nivel de espazos interiores como das súas fachadas e accesos dende o exterior.

A remodelación afectou especialmente a zona de vestiarios, instalándose tamén un sistema de renovación de aire e a mellora da zona de duchas. Dentro desta zona habilitáronse dous novos espazos: un vestiario específico para árbitros e un módulo de aseos adaptados para o público en xeral.

No caso de Lamas de Abade, os traballos consistiron na reposición e mantemento de todos os elementos danados, así como no acondicionamento do terreo de xogo para a boa práctica do deporte. Tamén se substituíu por completo toda a iluminación.

Vero Boquete e campo da USC
Noa Morales tamén incidiu nas obras acometidas no Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, nos que a Federación Galega de Fútbol, en virtude dun convenio co Concello, investiu arredor de 600.000 euros na primeira e segunda fase. Ademais, destacan os 200.000 euros destinados á renovación do campo de fútbol e rugby da Universidade de Santiago.

Proxectos futuros
O Departamento de Deportes contratou durante o 2018 un total de sete proxectos, por importe de 100.000 euros, para "realizar investimentos nos vindeiros anos". Destaca o proxecto de renovación do céspede do campo do Sergas, a substitución da fontanería no Verónica Boquete, a redacción do proxecto para a instalación de almacén e cantina nos campos das Cancelas e do Sergas ou a reparación da cuberta dos vestiarios e a mellora da accesibilidade no polideportivo de Santa Isabel.

Actividades
No que ten que ver coas actividades, este tamén foi un ano "moi intenso a nivel deportivo", cunha segunda edición da Festa do Deporte que "veu a mellorar a pasada e na que participaron 47 entidades deportivas, máis de 2.000 persoas e preto de 1.200 alumnos e alumnas".

Ademais, aproveitando a celebración en Compostela do Mundial de Xadrez e, continuando coas actividades de promoción do deporte minoritario, leváronse a cabo tres proxectos nos centros escolares para o fomento da loita olímpica, do squash e do xadrez. Así, a Federación Galega de Loita e D.A., en colaboración co Departamento de Deportes, realizou a campaña de promoción das loitas olímpicas, na que se achegou este deporte aos centros educativos. Inscribíronse 1.035 alumnos e alumnas de oito centros educativos da cidade: CEIP Ramón Cabanillas, IES Lamas de Abade, CPR Plurilingue San José de Cluny, CEIP Lamas de Abade, IES A Pontepedriña, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei e IES Sar.

O mesmo realizou a Federación Galega de Squash, achegando a preto de 1.500 nenos e nenas este deporte, que ten na nosa cidade un referente tan significativo a nivel mundial como é Borja Golán. Nesta actividade, que percorreu un total de nove centros educativos dende o pasado mes de outubro ata o mes de decembro, participaron os colexios e entidades San Jorge, IES Lamas de Abadade, CEIP Quiroga, Casa do Neno, CEIP López Ferreiro, CEIP Vite, CEIP Monte do Postes, CEIP Raiña Fabiola e Down Compostela.

Co gallo de fomentar o xadrez no ano no que Compostela foi sede do Campionato Mundial de Xadrez nas categorías Sub-8, Sub-10 e Sub-12, desenvolveuse unha campaña de dinamización deste deporte. Realizáronse seis proxectos, nos que se impartiron os conceptos básicos e fundamentais desta especialidade, aumentando a visibilidade e a divulgación desta disciplina entre os escolares e o público en xeral.

Subvencións
Durante o pasado ano destináronse tamén 780.000 euros a subvencións, tanto nominativas como en concorrencia competitiva, para o fomento do deporte federado, das que se beneficiaron 74 entidades deportivas da cidade.

Compartir: