NADAL

Cantos de taberna nos centros cívicos para celebrar o Nadal

28/12/2018 A próxima semana, os centros cívicos do Romaño, Fontiñas e O Ensanche serán escenario dunha actividade incluída na programación de Nadal, e que o Concello pon en marcha en colaboración coa Asociación Muiñeiros do Sarela. Trátase dun ciclo de Cantos de Taberna, que inclúe obradoiros nos que as persoas participantes poderán aprender o repertorio tradicional que despois será interpretado polas rúas e tabernas de cada barrio.

A tenenta de alcalde, María Rozas, presentou hoxe o programa de Cantos de Taberna, nunha rolda de prensa na que participaron dous dos integrantes dos Muiñeiros do Sarela, Fernando Rosendo e Alexandre Cadarso. A concelleira explicou que o obxectivo do programa é "participar da recuperación dunha tradición que tivo o seu momento de esplendor nos anos 60, e que nos últimos anos se vén retomando en moitas cidades galegas da man de agrupacións vinculadas á música tradicional". María Rozas sinalou que "o Concello de Santiago entende que é positivo que os cantos de taberna non fiquen reducidos a grupos e asociacións, senón que o conxunto da veciñanza sexa coñecedora dun repertorio que forma parte tamén do noso patrimonio inmaterial".

Obradoiros e percorridos polos barrios
O programa de Cantos de Taberna desenvolverase o 2 de xaneiro no Centro Cívico do Romaño, o 3 de xaneiro en Fontiñas e o 4 no Centro Cívico do Ensanche. Nos tres casos, haberá primeiro un obradoiro en horario de 18:00 a 20:00 h e, a partir desa hora, as persoas participantes comezarán os percorridos polas rúas e tabernas dos respectivos barrios. Así, o 2 de xaneiro pasarán pola Pulpería Parrillada Buxán e Cervexería da Avoa (20:30 h) e polo Bar Misesé e Bar Restaurante O O Bo Xantar (21:30 h). O día 3 será a quenda para os bares das Fontiñas, comezando polas cafetarías Gasthof e Zona Verde ás 20:30 h e seguindo polo Café Raquel e o Bodegón Os Concheiros ás 21:30 horas. Xa o venres, o programa Cantos de Taberna chegará a: cafetarías Krystal e A Rosaleda(20:30 h), Cantina Galopín (21:15 h), Tapería Triskel (21:30 h), Restaurante La Codorniz (22:00 h), A Taberna do Ensanche (22:30 h) e Tapería Castelao (22:45 h).

Os obradoiros estarán dirixidos por Alexandre Cadarso, que ten publicado o libro Cantigas de Taberna. Trátase dun traballo que recolle un cento de cantos populares coas súas correspondentes partituras, acompañadas con ilustracións de Manuel Torres. Tal e como salientou a tenenta de alcalde, o libro "servirá de gran axuda neste ciclo impulsado dende o Concello, pero sobre todo é moi interesante para conservar ese legado cultural que debemos reivindicar". Alexandre Cadarso deu conta do contido dos obradoiros e quixo convidar "a todo o mundo a participar, incluídas as persoas que tocan algún instrumento, porque intentaremos reproducir as 20 pezas e os cantos de Nadal que están recollidos no libreto".

Fernando Rosendo, pola súa banda, fixo un percorrido pola historia da súa entidade, Muiñeiros do Sarela, que ten como obxectivo "preservar a cultura tradicional galega. Por iso, engadiu, "desenvolvemos esta actividade, na que adoita participar moita xente e que serve tamén para promocionar os lugares onde imos actuar".

A participación no programa de Cantos de Taberna é de balde, e a intención do Concello é que esta actividade se manteña no tempo con futuros obradoiros nos centros cívicos.

Documentos relacionados



Compartir: