TURISMO

O Consello Municipal de Turismo coñeceu o avance do Plan Estratéxico 2017-2022 e os novos produtos de Turismo de Santiago

19/12/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presidiu esta mañá no Auditorio de Galicia a sesión ordinaria do Consello Municipal de Turismo, órgano participativo que reúne a representantes da Administración, o sector turístico e diversas entidades da cidade para o diálogo, a participación e o asesoramento da toma de decisións da política turística municipal.

A xuntanza desenvolveuse conforme a unha orde do día na que destacaban tres puntos: o grao de execución do Plan Estratéxico do Turismo de Santiago 2017-2022, a presentación dos novos produtos de Turismo de Santiago e a previsión das principais liñas de traballo da entidade turística municipal para o 2019.

A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentou un resumo das accións en execución dentro do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2022, cuxa finalidade é dotar á cidade dunha guía de traballo e unha mirada a longo prazo que, máis aló do vindeiro Ano Santo, configure un destino sustentable e de calidade, cun maior entendemento entre turismo e poboación e maior xeración de riqueza, competitividade e rendibilidade do sector.

O ano 2018 serviu para avanzar nos catro grandes retos turísticos deliñados - gobernanza, descentralización, desestacionalización e sustentabilidade- con accións específicas coma o establecemento de canles definitivas de comunicación entre as administracións e o sector privado e o deseño de produtos capaces de interesar aos visitantes fóra de temporada, fóra dos circuítos tradicionais do mapa e con perfecta integración na vida da cidade e o seu entorno.

Turismo literario, turismo de reunións e "dos bos amores"
Neste sentido, Turismo de Santiago presentou ao sector os produtos turísticos desenvolvidos durante 2018, entre os que destacan a creación de rutas literarias, o renovado impulso ao turismo MICE -de reunións, congresos e incentivos- e a aposta polo turismo de parellas.

No deseño de produtos para a posta en valor da riqueza literaria galega, tivo especial protagonismo Rosalía de Castro, coa organización de rutas teatralizadas baseadas na súa vida e obra e a produción de elementos de márketing coa súa figura para a oficina municipal de turismo.

A novidade vén da man de "Santiago dos bos amores", unha liña de traballo para a promoción das viaxes de parella, tanto na modalidade short break como para eventos de celebración de vodas ou compromisos no privilexiado escenario da cidade. A experiencia promocionarase cun minisite trilingüe e un folleto dixital nas feiras especializadas.

Tamén se presentaron o vídeo promocional das festas do Apóstolo como Festa de Interese Turístico Internacional e os novos materiais divulgativos do Santiago de Compostela Convention Bureau, que comprenden o vídeo de Santiago como destino de congresos, a nova guía dixital para o sector MICE e o folleto dixital para o nicho de incentivos.

Todas estas accións serán presentadas durante a celebración de Fitur en xaneiro do vindeiro ano. Nese marco tamén se darán a coñecer as accións turísticas previstas por Turismo de Santiago no 2019, que comprenden accións de promoción nos mercados internacionais, a presenza nos eventos máis destacados do calendario, xornadas de traballo e workshops, captación de congresos, deseño e reforzo de produtos e comercialización, entre outras.

Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade a solicitude de ingreso da Asociación Unión Hotelera Compostela. Esta vén a sumarse á gran variedade de entidades, institucións e voces da cidadanía representadas no Consello Municipal de Turismo, entre as que se atopan o Concello de Santiago, os grupos políticos con representación no Pazo de Raxoi, a Xunta de Galicia e os axentes estratéxicos do sector turístico, comercial, cultural e veciñal.

Compartir: