DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A exposición "Anacos do rural de Compostela e A Coruña" inaugúrase este mércores no Recinto Feiral de Amio

14/12/2018 O hall principal do recinto feiral de Amio acolle este mércores, a partir das 11:45 horas, a inauguración da exposición Anacos do rural de Compostela e A Coruña, unha selección de fondos fotográficos pertencentes á edición multimedia Galicia na memoria, unha escolma fotográfica e cinematográfica de Galicia elaborada grazas á colaboración coa Mediateca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que aporta os seus valiosos fondos sobre a Galicia rural, recollidos entre 1934 e 1989; o Ministerio de Educación e Cultura e a Filmoteca Española.

Neste acto de presentación participarán as persoas editoras e comisarias, así como representantes das institucións que colaboran coa mostra, promovida polo Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. Tras a inauguración da exposición está previsto que as persoas participantes visiten tamén o mercado de gando de Amio, que se celebra cada mércores e que, por volume económico e de reses, non só foi un dos referentes en Compostela, comarca e no conxunto de Galicia, senón que segue a ser un dos mercados de gando máis importantes do Estado.

FICRural
Anacos do rural de Compostela e A Coruña enmárcase dentro dun proxecto máis amplo que leva por nome FICRural, Feira Internacional da Economía e Cultura Rural e Alternativa, e cuxas principais actividades se van desenvolver na primavera de 2019. A FICRural busca ser un foro contemporáneo de reflexión, intercambio e divulgación de experiencias creativas e emprendedoras no rural e mesmo un motor para o deseño dun novo modelo de desenvolvemento e dinamización do rural.

Ten como principal obxectivo ser un punto de encontro para favorecer o intercambio, o diálogo e a reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural. Con este obxectivo, a feira agruparase en tres eixos estratéxicos de actividades centrais, como son FICRural Visión, FICRural Feira e FICRural Xogo.

No primeiro deles preténdese mellorar o coñecemento da nosa cultura e identidade, así como crear un arquivo de recursos audiovisuais para a recuperación da memoria rural e favorecer o diálogo intercultural entre os espazos rurais e os urbanos. Aproveitando recursos cotiás como os móbiles e as redes sociais, desenvolveranse actividades como obradoiros de cine, encontros de cine rural, un festival de cine rural ou xincanas fotográficas e audiovisuais nas parroquias rurais de Compostela, enfocadas principalmente nas rapazas e rapaces dos centros de Educación Secundaria.

Na segunda delas, FICRural Feira, crearase un espazo de encontro para favorecer o intercambio, o diálogo e a reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural, compartindo experiencias con actores públicos e privados, nacionais e internacionais, e xerando unha rede de contactos e colaboración entre axentes de proxectos de emprendemento rural e de dinamización dos recursos endóxenos de Compostela e doutros concellos da provincia da Coruña.

Coa terceira proposta preténdese divulgar o patrimonio lúdico galego, socializalo e levar as escolas os xogos tradicionais, como alternativa de ocio aos xogos actuais. Iso si, non está pensado só para os mais cativos, pois a contorna rural é unha alternativa de ocio para a práctica de actividades saudables e sostibles, promovendo o coñecemento deste territorio, a través de roteiros temáticos, andainas, saídas en bici e outras actividades para dar a coñecer o rural compostelán.

FICRural 2018 incorporarase no programa Compostela Móvese, que integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. A Oficina de Promoción Económica leva apoiando a creación de empresas e o autoemprego a través de programas de formación, dinamización da actividade económica, encontro comercial e axudas dende a súa creación no ano 2004, existindo ademais esta liña de traballo e actividade con anterioridade a esa data no marco das accións da extinta Axencia de Desenvolvemento Local.

Compartir: