ACCIÓN CULTURAL

Curtocircuíto e Cineclube de Compostela homenaxean ao cineasta Claudio Guerín Hill

13/12/2018 Despois do éxito viral que tivo a proxección dos episodios da serie Coñeza vostede España, Compostela e Hacia Santiago na Carta Branca que o festival Curtocircuíto e o Cineclube de Compostela lle concederan a Ezequiel Méndez Vidal no pasado mes de outubro, ambas partes volven a colaborar para proxectar as devanditas curtas, esta vez no Teatro Principal de Santiago, nunha sesión de balde o próximo sábado 15 de decembro ás 19:30 h.

O Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, xunto co Cineclube de Compostela e con Ezequiel Méndez, fundador e director do Cine-Club Universitario e o Cine-Club A.F.C. de Santiago nos anos 60, presentan esta semana a súa homenaxe ao cineasta sevillano Claudio Guerín Hill. A escolma recolle a súa última e inacabada longametraxe rodada na vila de Noia, A campá do inferno; Ricardo III, unha das súas adaptacións teatrais para RTVE; a repetición dos mencionados documentais para televisión Compostela e Hacia Santiago, e un terceiro documental curto engadido para esta ocasión, Galicia.

Con esta iniciativa, Curtocircuíto e o Cineclube queren por en valor o patrimonio inmaterial da cidade, achegar ao público máis amplo a historia recente de Compostela e Galicia e recoñecer a labor de Guerín Hill como un dos cineastas que máis filmou o noso país durante os anos da ditadura. Méndez Vidal afirma, ademais, que "esta homenaxe é un desagravio coa figura de Guerín Hill, autor que lle deu moito a Galicia e que nunca foi correspondido".

A retrospectiva terá lugar o mércores 12 e o xoves 13 de decembro no local GBl da Xentalha do Pichel ás 21:30 h, e o sábado 15 ás 19:30 h no Teatro Principal. Todas as proxeccións serán presentadas por representantes de Curtocircuíto e do Cineclube de Compostela. As do xoves e o sábado contarán coa presentación do propio Ezequiel Méndez. A entrada será de balde en ambas sedes, pero no caso do Teatro Principal é necesaria a retirada previa de convites no despacho de billetes.

Claudio Guerín Hill naceu en Sevilla en 1939, formouse na Escola Oficial de Cinema de Madrid, e colaborou na revista Nuestro Cine. Realizou varias curtametraxes antes de estrear Os desafíos (1968), filme no que participan tamén José Luis Egea e Víctor Erice, ao que seguirían, xa en solitario, os filmes A casa das pombas (1972) e A campá do inferno (1973), ademais de numerosos traballos para televisión e teatro. Realizando A campá do inferno, morre ao caer da torre da igrexa de Santa María de Noia.

Ezequiel Méndez Vidal (Santiago de Compostela, 1941), que posteriormente desenvolvería a súa carreira profesional no sector editorial traballando para o Fondo de Cultura Económica, Alianza Editorial ou no equipo fundador do Instituto Cervantes, foi unha figura fundamental para a cinefilia de Compostela. Na súa etapa estudantil, ademais do seu labor no Cine-Club (que chegou a ter 1.000 socios na súa segunda etapa e funcionou como notable foco de pensamento crítico durante o franquismo) escribiu sobre cinema en La Noche e El Correo Gallego e foi un dos iniciadores do Equipo 64, co que realizou varios documentais sobre Galicia e a súa cidade natal.

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, está organizado polo Concello de Santiago, coa colaboración da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.

Direccións relacionadas



Compartir: