ACCIÓN CULTURAL

A Mostra de Arte nos Escaparates "PaseArte" regresa ao Ensanche con obras de 60 artistas de primeira fila

11/12/2018 Ata o 5 de xaneiro, pasear polo Ensanche será como percorrer a máis grande galería de arte contemporánea do país, grazas á Mostra de Arte nos Escaparates PaseArte. Nesta segunda edición, o programa permitirá exhibir obras de 60 artistas de primeiro nivel, grazas á colaboración entre a asociación de comerciantes Santiago Centro e as galerías Nordés, Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era Tonta. O Concello tamén colabora coa mostra, que irá acompañada por actividades paralelas como talleres familiares ou visitas guiadas.

Hoxe presentouse a Segunda Mostra de Arte nos Escaparates nunha rolda de prensa na que participou a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, xunto co director xeral de Política Cultural da Xunta, Anxo Lorenzo; a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín; e o presidente de Santiago Centro, José María Fernández. PaseArte, comisariada por Javier Blanco Lado, xunta 90 obras de 60 artistas tan relevantes como Vari Caramés, Din Matamoro, Antonio Rábago El Roto, Alejandra Atarés, Dario Basso, Joseba Muruzábal, Pierre Loiuis Geldenhuys ou Pamen Pereira.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, recoñeceu que a mostra "é unha interesante iniciativa para unha capital cultural como Santiago". Tamén puxo en valor que PaseArte encaixa co que o Concello pensa que debe ser a acción cultural, na que persoas, colectivos e empresas teñen que tomar tamén a iniciativa". Pola súa banda, o presidente de Santiago Centro lembrou que o programa "usa os escaparates coo espazo expositivo, proxectando prestixio sobre eles e ofrecendo unha imaxe renovada do Ensanche". José María Fernández lembrou que "a arte nos escaparates da valor aos comercios, nunha época tan importante para eles como é a do Nadal".

Programación
En paralelo á exposición de obras levarase a cabo unha programación transversal con obradoiros familiares que se celebrarán no Centro Cívico do Ensanche, e tamén haberá visitas guiadas á exposición e ás galerías participantes. Ademais, na próxima fin de semana está previsto que se desenvolva un concurso de fotografía en colaboración coa plataforma Inspirarte, que premiará as mellores imaxes inspiradas en obras de Pasearte

Documentos relacionados



Compartir: