ALCALDÍA

Os escolares de Santiago conmemoran o 70 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos

10/12/2018 O Teatro Principal acolleu esta mañá un acto de conmemoración do 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no que participaron máis de 300 escolares dos centros de primaria e secundaria de Compostela, así como o alcalde, Martiño Noriega, e membros da Corporación.

O encargado de abrir o acto foi o concelleiro de Educación, Manuel Dios, quen fixo un percorrido pola orixe do texto e o definiu como "o documento máis influínte do século XX e un código de desexos e aspiracións universais da Humanidade. A historia dos dereitos humanos é tamén a historia da súa violación, mesmo no chamado primeiro mundo". Nesa liña se pronunciou o alcalde de Santiago, quen apelou a "lembrar esta declaración, tamén para por de manifesto que moitos dos seus artigos se incumpren a diario" e engadiu que "Compostela é unha cidade educadora e por iso defendemos a organización de actos coma este".

Tras a inauguración do acto, o alcalde deulle lectura ao preámbulo da declaración e os concelleiros Agustín Hernández, Gonzalo Muiños e Rubén Cela continuaron coa lectura dos primeiros artigos. Os encargados de porlle voz á maior parte da declaración foron os alumnos e alumnas do López Ferreiro, Compañía de María e La Salle. Os escolares dos colexios e dos institutos estiveron a traballar sobre o texto nos seus centros educativos, axudados polo profesorado, co fin de reflexionar e entender a vixencia, transcendencia e grao de cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Ademais deste acto, que estivo amenizado musicalmente pola Agrupación Musical do Instituto Rosalía de Castro, o Concello conmemora este día cun cartaz e cun folleto conmemorativo, que se suman a outras iniciativas de difusión públicas.

Direccións relacionadas



Compartir: