XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a construción do novo equipamento de ocio de Lavacolla e iniciada a licitación de obras en Verdía e Figueiras

07/12/2018 A Xunta de Goberno abordou hoxe tres importantes proxectos para a zona rural de Santiago, que suporán un investimento total de medio millóns de euros.

A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras de construción dun novo equipamento de ocio en Lavacolla, unha actuación que se financiará con cargo aos Orzamentos Participativos Compostela Decide. A empresa Zona de Obra O Rosal encargarase do proxecto, ao que se van destinar case 60.000 euros. O novo parque infantil de Lavacolla estará localizado nas inmediacións do local sociocultural da parroquia.

Equipamentos deportivos en Figueiras
A Xunta de Goberno tamén iniciou hoxe a licitación das obras de mellora dos equipamentos deportivos e sociais de Figueiras. Trátase dunha actuación incluída no POS + 2018 da Deputación da Coruña e que conta cun orzamento de máis de 290.000 euros.

O proxecto ten como obxectivo solucionar os problemas que presentan as instalacións deportivas de Figueiras, relacionados coa accesibilidade e co enfouzamento das pistas por mor das escorrentías que proveñen do monte próximo. Para iso, construirase un muro de contención e cubrirase a pista deportiva exterior. Tamén se acondicionarán os vestiarios e as pistas actuais, e dotarase ao espazo dunha nova pista de pádel. O prazo de execución previsto para as obras é de catro meses.

Pista polivalente en Verdía
Outra actuación que inicia hoxe o seu procedemento de adxudicación é a da instalación dunha cuberta na pista polideportiva de Verdía, orzamentada en 150.000 euros. O proxecto, incluído no POS + da Deputación da Coruña, aféctalle ao espazo deportivo localizado ao carón da vella estación do ferrocarril

O proxecto contempla a instalación dunha cuberta de maior tamaño que a pista polideportiva actual, que non cumpre coas dimensións regulamentarias para o desenvolvemento dun deporte específico. Deste xeito, a cuberta estará preparada para unha futura ampliación do equipamento. O prazo para executar esta obra é de catro meses.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe solicitar unha subvención de 180.000 euros á Deputación da Coruña para o financiamento de actividades dentro do Fairway 2019. A achega do Concello a este evento será de 45.000 euros. Ademais, hoxe acordouse a aceptación dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación temporal de persoas desempregadas. A axuda é de algo máis de 34.000 euros e permitirá contratar a catro traballadores e traballadoras.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: