MEDIO AMBIENTE E BENESTAR ANIMAL

O Concello instala paneis con información ambiental nas Brañas de Sar

04/12/2018 O Concello vén de instalar uns novos paneis informativos nas Brañas de Sar, para poñer en valor a riqueza deste espazo natural. Os concelleiros de Medio Ambiente, Xan Duro, e de Benestar Animal, Noa Morales, presentaron hoxe a cartelería, na que se explica a historia das Brañas, os seus usos tradicionais e cal é a súa flora e a súa fauna características.

A concelleira de Benestar Animal explicou que os paneis informativos enmárcanse "no traballo que vén realizando o Goberno para poñer en valor este espazo natural, e que xa deu resultados moi importantes como o acondicionamento das sendas peonís ás que tanto uso lles está a dar a veciñanza". Noa Morales sinalou que "agora toca ir un paso máis alá, para que a cidadanía non só percorra este ámbito, senón que o faga sendo consciente da súa riqueza e da súa historia". Para iso, e de cara ao ano que vén, "o Departamento está traballando na organización dunha serie de visitas guiadas, pensadas fundamentalmente para escolares e alumando de ensino secundario, co obxectivo de que coñezan mellor este espazo".

Información ambiental
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia incidiu en que "as Brañas de Sar son unha illa de natureza no medio dun ámbito que sufriu un intenso desenvolvemento urbanístico, e contan con importantes valores ambientais". Deles dáse conta nos paneis instalados, que explican cales son as especies vexetais e animais que se poden observar na zona, tanto autóctonas como invasoras. Ademais, Xan Duro apuntou que a sinalización tamén achega información sobre os usos tradicionais deste espazo, vinculados ás hortas e á agricultura, sobre a súa historia e mesmo sobre elementos arquitectónicos próximos como a colexiata de Sar.

Documentos relacionados



Compartir: