ALCALDÍA

Os dous novos concelleiros tomarán posesión en menos de dúas semanas

26/01/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que Francisco Candela, Mercedes Rosón e Teresa García-Sabell asumen provisionalmente as responsabilidades deixadas por Xaquín Fernández Leiceaga e Luis Toxo. Neste sentido, indicou que os dous novos edís tomarán posesión nun pleno extraordinario que se celebrará na semana do 5 ao 9 de febreiro.

A Xunta de Goberno do luns 29 ratificará as novas funcións provisionais. Así, Candela asumirá Facenda e Orzamentos, Rosón farase cargo de Urbanismo e Patrimonio, e García-Sabell ocuparase da celebración de vodas. Para a semana seguinte semana quedará a toma de posesión dos novos concelleiros e entón Sánchez Bugallo anunciará o novo reparto de responsabilidades.

No mesmo pleno extraordinario procederase á aprobación definitiva dos orzamentos municipais, unha vez resolta unha alegación da que será informada a Xunta de Goberno e posteriormente a Comisión Informativa de Facenda.

Sinatura de convenios en FITUR

O alcalde tamén anunciou que o venres 2 de febreiro estará na Feira Internacional de Turismo (FITUR), onde asinará dous convenios no marco do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. En concreto, subscribirá un acordo con Renfe, para a mellora do transporte de viaxeiros, e con Turespaña, para a promoción internacional deste grupo de cidades.

Compartir: