CONSORCIO

A prestixiosa viola Isabel Villanueva impartirá clases na Escola de Altos Estudos Musicais e tocará coa RFG en Santiago e Vigo

20/11/2018 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza da viola navarra Isabel Villanueva, que formará tanto aos/ás estudantes da escola como a alumnos/as externos/as. Ademais, tocará coa Real Filharmonía de Galicia, o 28 de novembro en Vigo e o 29 en Santiago.

As clases celebraranse o venres 30 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 19:00 horas pola tarde; e o sábado 1 de decembro, de 9:00 a 12:00 horas. Os/as músicos/as que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Imparte clases no Reino Unido, Líbano, Irán e China
Isabel Villanueva é, con tan só 30 anos, unha das violas máis destacadas da súa xeración no eido internacional. Traballa por difundir a viola como instrumento con voz propia. Ten ofrecido numerosos concertos en Europa, Asia, Oriente Medio e Rusia. No ano 2013 converteuse na primeira viola estranxeira en dar un recital en Irán.

Os seus concertos teñen sido retransmitidos por radios e televisións de España, Eslovenia, Estonia, Hungría, Líbano, Rusia ou Suíza. Resultou gañadora en numerosos certames internacionais, entre eles en San Petesburgo, República Checa e Moscova. En 2014 foi galardoada co "Prix Albert Lullin" de Xenebra ao instrumentista máis destacado do ano. E en 2015 recibiu o "Premio Ojo Crítico" de Música Clásica de RNE.

En 2015 concedéuselle o recoñecemento institucional "Marca España" e foi elixida "embaixadora mundial do talento español" por Clear Channel. É convidada con regularidade a impartir clases maxistrais de viola en centros do Reino Unido, Líbano, Irán, China, ademais de en conservatorios españois. Toca unha viola do ano 1670.

Compartir: