ALCALDÍA

O alcalde recibe a antropóloga mexicana Marcela Largade

19/11/2018 A antropóloga, feminista e investigadora Marcela Lagarde foi recibida esta mañá polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, nun acto no Salón Amarelo do Pazo de Raxoi. Á recepción asistiron a edila de Igualdade, Marta Lois, así como as concelleiras María Corral e Goretti Sanmartín e o concelleiro Gonzalo Muíños. Marcela Lagarde asinou no Libro de Honra do Concello.

Marcela Lagarde será a protagonista do acto que convoca o Concello esta tarde dentro das actividades da campaña En negro contra as violencias. Trátase da Conversa feminista que manterá a antropóloga mexicana e a catedrática de Filosofía pola USC, María Xosé Agra. A cita será na Sala Capitol a partir das 19:30 horas.

Lagarde está especializada en etnoloxía e é a principal representante do feminismo latinoamericano. Foi precisamente ela quen acuñou o termo "feminicidio" para facer referencia á situación da localidade mexicana de Ciudad Juárez. Posteriormente conseguiu que o Congreso do seu país creara unha comisión especial do feminicidio e, durante a súa lexislatura como deputada entre 2003 e 2006, impulsou a Ley General de Acceso para las Mujeres a una Vida Libre de Violencia. Tamén promoveu a tipificación do delito de feminicidio a raíz dos asasinatos en Ciudad Juárez.

Impulsou tamén a Lei de protección dos dereitos de nenas, nenos e adolescentes, a lei federal para previr e eliminar a discriminación, a lei para previr e sancionar a trata de persoas e a lei xeral para a igualdade entre homes e mulleres.

Compartir: