XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras de renovación da rúa da Batalla de Clavijo

16/11/2018 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras de renovación dos viarios e beirarrúas da rúa da Batalla de Clavijo e anexas, ás que se van destinar case 360.000 euros. A actuación, da que se encargará a empresa Alcomte Galicia, será financiada con cargo aos fondos europeos do programa ReVive Edusi-Santiago.

A actuación adxudicada hoxe corresponde á primeira fase da renovación deste ámbito, que lle afecta á rúa Batalla de Clavijo e á escalinata de Bispo Teodomiro. A tenenta de alcalde, encargada de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, explicou que "estas rúas atópanse en mal estado de conservación, tanto na zona destinada ao tránsito peonil como na calzada, e tamén urxen unha reordenación do aparcamento e a renovación das instalacións urbanas". María Rozas explicou que as obras "permitirán recuperar a rúa como ámbito para a relación veciñal, e para iso suporán pequenos cambios de uso e a reconfiguración dos espazos".

As obras de renovación de Batalla de Clavijo permitirán resolver os problemas creados polas diferenzas de cota da rúa e tratarán de paliar as barreiras arquitectónicas derivadas da pendente. O proxecto eliminará o menor número posible de prazas de aparcamento, mantendo un total de 40 que serán reordenadas para non interferir nos percorridos peonís.

As obras de reurbanización da rúa da Batalla de Clavijo e da escalinata de Bispo Teodomiro teñen un prazo de execución de seis meses. Está previsto que este proxecto se complete cunha Fase II que afectará á rúa de Puente la Reina e ás escalinatas de Cebreiro e Raíña Lupa, que serán financiadas con fondos propios.

Edificio multiúsos de Lavacolla
Aínda en materia de obras, hoxe iniciouse o proceso de adxudicación do edificio multiúsos en Lavacolla. O proxecto, cun tipo de licitación de 312.000 euros, será financiado con cargo ao POS+2018 da Deputación da Coruña.

María Rozas explicou que a construción deste edificio "viña sendo longamente demandado en Lavacolla, non só pola comunidade escolar, senón polo conxunto da cidadanía". Así, o novo equipamento estará aberto en horario lectivo para os e as escolares, e fora do horario lectivo poderá acoller actividades para o conxunto da veciñanza".

Subvencións para actividades culturais
A Xunta de Goberno de hoxe tamén resolveu a convocatoria de axudas de apoio e procesos a actividades culturais, destinada ao sector profesional. Desta subvencións beneficiaranse 14 entidades solicitantes, que percibirán un total de 100.000 euros entre 2018 e 2019.

A Concellaría de Acción Cultural convoca ás entidades beneficiarias a unha reunión informativa, que se celebrará no Centro Cívico de Santa Marta o próximo xoves 22, a partir das 18:00 horas.

Ademais, recibiron luz verde varios convenios entre o Concello de Santiago e diferentes entidades deportivas. O máis salientable é o que se asinará co Obradoiro CAB, que recibirá unha achega municipal de 120.000 euros. O Club Triatlón Santiago recibirá 20.000 euros; a Federación Galega de Atletismo, 10.000 euros; e o Club Atletismo Santiago, 9.000. Tamén se aprobaron os convenios co Club Victoria Santiago, por 7.000 euros, e coa Federación Galega de Montañismo, por 5.000 euros.

Direccións relacionadas



Compartir: