PLENO

A Corporación dá o visto bo definitivo á modificación da Ordenanza de Ruídos

15/11/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe, de maneira definitiva, a modificación da Ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibraciósn e condicións dos locais. Trátase da normativa que permitirá que os establecementos de hostalería programen espectáculos de música ao vivo, sempre que se cumpran as condicións establecidas na propia ordenanza.

A aprobación definitiva da modificación da Ordenanza de ruidos saíu adiante cos votos a favor de Compostela Aberta e BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra do PP. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que "ata o de agora a programación da música en directo facíase baixo unha enorme inseguridade xurídica, e a normativa vixente estaba obsoleta en cuestións como a regulación do fío musical que xa ningún establecemento utiliza". A modificación aprobada hoxe permitirá "que os locais teñan unha autorización complementaria para facer actividades con música en vivo, sempre que os establecementos cumpran os requisitos en canto ao aillamento acústico, á presenza dun sonógrafo e á instalación dunha dobre porta onde se considere posible e necesario". O concelleiro insistiu en que a música ao vivo "é un sector cultural fundamental para a nosa cidade, que forma parte da identidade de Santiago e por iso é preciso garantir que os establecementos de hostalería poidan seguir programando este tipo de actividades garantindo o dereito ao descanso da veciñanza".

Entidades Locais pola Lingua Galega
No Pleno desta tarde tamén se acordou a adhesión do Concello de Santiago á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, que se crea co obxectivo de promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua. Inicialmente, desta entidade formarán parte concellos que xa veñen colaborando en proxectos moi asentados en Compostela como o Apego, o certame Youtubeir@s ou o Club de Debate. Aínda así, a vontade é a de incorporar á asociación novas entidades que desenvolvan políticas en prol da normalización lingüística e que no seu organigrama conten cunha unidade dedicada a executalas. O representante do Concello de Santiago na entidade será o alcalde, Martiño Noriega, que é quen ten as competencias en materia de lingua.

Camiño Inglés
A Corporación acordou ademais a integración do Concello de Santiago, como socio fundador, na Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Esta entidade ten como obxectivos "promover o desenvolvemento turístico dos concellos do Camiño Inglés, defender o patrimonio natural e histórico-artístico desta ruta xacobea, e planificar actuacións conxuntas entre os asociados". Da entidade forman parte 18 municipios: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, A Coruña, Culleredo Cambre, Carral, Abegondo, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago.

Outros acordos
Outro dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe foi a aprobación dun suplemento de crédito dalgo máis de tres millóns de euros, que irá destinado á amortización de débeda. A concelleira de Facenda, María Rozas, explicou que tras esta operación, que será financiada integramente con remanente, "a débeda bancaria do Concello de Santiago quedará no mínimo histórico de 25 millóns de euros, a metade do que había a principios de 2015 e moi lonxe dos 100 millóns de euros de hai unha década".

Na sesión desta tarde tamén quedaron aprobadas dúas proposicións da oposición, unha do BNG para regularizar os servizos municipais externalizados que seguen a operar sen contrato, e outra do PP sobre o pagamento dos servizos sen contratos. Tamén quedou aprobado o Plan Municipal de Prevención de Drogodependencias.

Compartir: