ALCALDÍA E TURISMO

Comeza Santiago(é)tapas con 68 locais participantes e 101 tapas a concurso

15/11/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado da concelleira de Turismo, Marta Lois; a presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, membros da Corporación municipal e representantes das entidades e empresas patrocinadoras e colaboradoras, inauguraron a undécima edición de Santiago(é)tapas, que se celebra do 15 de novembro ao 2 de decembro. O grupo achegouse ata o local gañador do Premio do Público do 2017, o Artesana Gastrobar.

Neste establecemento degustaron as dúas tapas (croquetas e capuccino) coas que participa o local este ano e que pertencen á (é)tapa 1 do "Camiño Portugués". Xunto ao Artesana Gastrobar participan nesta edición do Santiago(é)tapas 67 locais máis que ofertan unha ampla variedade de ata 101 tapas. Unha das novidades principais da edición deste ano é que se lle da liberdade aos locais participantes a que fixen o prezo das súas tapas a concurso, cun mínimo de 1,5 euros e un máximo de 3,5. Todas as tapas deben incluír polo menos un produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.

Gran final
Outra das principais novidades deste ano é que haberá unha gran final na que participarán 10 tapas. O obxectivo pasa por darlle ao público a posibilidade de probar e valorar as tapas que o xurado considera as mellores do evento. Ademais, dende o punto de vista turístico, a final do concurso pode promocionarse coma un evento en si mesmo, con capacidade para a atraer a público foráneo aproveitando a ponte que terá lugar nesas datas.

A organización comunicará publicamente o día 3 de decembro o listado destas dez tapas, escollidas por un xurado profesional. A gran final celebrarase do 7 ao 9 decembro. Os establecementos con tapas finalistas teñen a obriga de ofrecer durante estes tres días a súa tapa ao público. A elección das tapas gañadoras entre as finalistas farase unindo a valoración do xurado profesional e o voto popular emitido durante os tres días da final.

A edición deste ano muda tamén a distribución dos premios do concurso. Haberá un Primeiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 1.000 euros, un Segundo Premio Santiago(é)tapas, con 500 euros, e un Terceiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros en produto. Ademais, este ano o público premiará directamente cos seus votos emitidos entre o 15 de novembro e o 2 de decembro a dúas tapas. A Primeira Tapa do Público recibirá 700 euros e a Segunda 300 euros.

A maiores, este ano modifícase o premio Premio(é)Tapas +, co obxectivo de dinamizar o concurso a través das redes sociais. O premio estará aberto por primeira vez a calquera persoa ou colectivo que difunda o concurso a través das redes sociais Facebook e Instagram. Este premio está dotado con 700 euros.

Direccións relacionadas



Compartir: