TURISMO

Santiago(é)tapas comeza este xoves con máis dun cento de tapas a concurso

14/11/2018 Santiago(é)tapas celebra a súa undécima edición con 68 locais participantes, que presentarán 101 tapas a concurso entre o 15 de novembro e o 2 de decembro. Esta edición do concurso de Tapas de Santiago, coorganizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela e co patrocinio principal de Mahou, ten importantes novidades, entre as que destaca que terá unha gran final, na que participarán 10 tapas finalistas.

A gran final de Santiago(é)tapas nace co obxectivo de darlle ao público a posibilidade de probar e valorar as tapas que o xurado considera as dez mellores do evento. Ademais, dende o punto de vista turístico, a final do concurso pode promocionarse coma un evento en si mesmo, con capacidade para a atraer a público foráneo aproveitando a ponte que terá lugar nesas datas.

A organización comunicará publicamente o día 3 de decembro o listado destas dez tapas, escollidas por un xurado profesional. A gran final celebrarase do 7 ao 9 decembro. Os establecementos con tapas finalistas teñen a obriga de ofrecer durante estes tres días a súa tapa ao público. A elección das tapas gañadoras entre as finalistas farase unindo a valoración do xurado profesional e o voto popular emitido durante os tres días da final.

Outra das novidades importantes da edición deste ano é unha nova distribución dos premios do concurso. Haberá un Primeiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 1.000 euros, un Segundo Premio Santiago(é)tapas, con 500 euros, e un Terceiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros en produto. Ademais, este ano o público premiará directamente cos seus votos emitidos entre o 15 de novembro e o 2 de decembro a dúas tapas. A Primeira Tapa do Público recibirá 700 euros e a Segunda 300 euros.

A maiores, este ano modifícase o premio Premio(é)Tapas +, co obxectivo de dinamizar o concurso a través das redes sociais. O premio estará aberto por primeira vez a calquera persoa ou colectivo que difunda o concurso a través das redes sociais Facebook e Instagram. Este premio está dotado con 700 euros.

Finalmente, outra das novidades principais da edición deste ano é que se lle da liberdade aos locais participantes a que fixen o prezo das súas tapas a concurso, cun mínimo de 1,5 euros e un máximo de 3,5. Todas as tapas deben incluír polo menos un produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.

Por cuarta edición consecutiva, Santiago(é)Tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Ademais, Santiago(é)tapas conta con Mahou como patrocinador principal e co patrocinio xa tradicional de Cash Record e Coca Cola. Conta ademais coa colaboración institucional da Deputación da Coruña.

Direccións relacionadas



Compartir: