DECLARACIÓN

Santiago únese a outras 41 cidades do mundo para facer unha fronte común ante as grandes plataformas dixitais

14/11/2018 Santiago de Compostela e outra 41 cidades de todo o mundo, como Amsterdam, Barcelona, Lisboa, Madrid, Montreal, Nova York, París, São Paulo, Seúl, Milán ou Viena uníronse mediante unha Declaración de Principios e Compromisos das Cidades Colaborativas para reivindicar a soberanía das cidades e facer fronte común para negociar coas grandes plataformas dixitais que xeran un impacto negativo coa súa actividade económica, como Airbnb ou Uber. Foi no marco da Sharing Cities Summit 2018, celebrada en Barcelona no marco da Smart City Expo World Congress, na que que participou a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández.

Destas 41 cidades, 31 subscribiron explicitamente os 10 principios dos que consta a Declaración e o resto están en proceso de validación interna. Santiago de Compostela, cun impacto significativo dalgunha destas plataformas dixitais –como é o caso de Airbnb- atópase entre as cidades asinantes.

A Declaración de Barcelona fixa os principios e compromisos das cidades para facer fronte aos impactos negativos das novas plataformas dixitais, apostando por aproveitar as oportunidades de crecemento económico e innovación de modelos máis responsables. O texto reivindica a soberanía das cidades á hora de entrar en negociacións coas plataformas dixitais, e reclama que se garantan e respecten as normas locais e o marco legal existente, incluídas as normativas fiscais que garantan igualdade de condicións de xogo para todo o mundo.

As 42 cidades propoñen establecer marcos de negociación comúns ante as grandes plataformas, esixir transparencia no uso dos datos e promover protocolos dixitais para garantir o cumprimento do marco normativo de cada cidade. Así mesmo, defenden a necesidade de compartir instrumentos, ferramentas e mecanismos de inspección para ser máis efectivos ante estes modelos e traballar conxuntamente, como lobby, para promover os cambios normativos que sexan necesarios a nivel nacional ou europeo.

A declaración tamén fai unha serie de propostas para regular a parte tecnolóxica e o uso dos datos, co obxectivo de garantir a privacidade e os dereitos das persoas usuarias das plataformas e de fomentar que as cidades teñan acceso aos datos para poder facer políticas públicas.

A Declaración vai acompañada dun plan de accións para implementar os principios consensuados durante o próximo ano. Este plan prevé establecer unha oficina con sede en Barcelona dende onde, durante un ano, as cidades poderán compartir información, estratexias e marcos de negociación comúns.

Compartir: