EMPREGO

O Concello impulsa unha campaña para reclamar traballo digno no fogar e nos coidados

14/11/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou hoxe a campaña Traballo digno, no fogar e nos coidados, que impulsa o Concello de Santiago para visibilizar e investigar sobre a realidade de discriminación e vulneración na que se atopan as mulleres que traballan en emprego do fogar e en coidados. Na rolda estivo acompañada da coordinadora da mesma, Carmen Castro.

Tal e como sinalou a concelleira, "durante estes días estaremos a debater e planificar futuros pasos con mesas de traballo locais e paneis nos que se socializarán experiencias de aprendizaxe para o sector, como investigacións, procesos de organización colectiva e historias de vida e loita de moitas mulleres que nos permitirán seguir compartindo e mergullando na temática".

As mulleres traballadoras de fogar e de coidados serán as protagonistas tanto das mesas como da xornada, que estará aberta á participación de diversos colectivos e entidades.

Mesas locais
O cometido da campaña é o de crear un espazo de encontro, dando visibilidade ás condicións do traballo no fogar na cidade de Compostela e de acompañamento inicial ás mulleres interesadas no artellamento dun proceso de apoderamento colectivo.

Para iso desenvolveranse dúas mesas locais polo emprego do fogar e dos coidados durante os días 14 e 15 de novembro, con vistas a un debate/panel de propostas máis amplo nunha xornada sobre a situación do sector que se desenvolverá os días 30 de novembro e 1 de decembro.

A primeira mesa, que leva por nome "Mulleres traballadoras. Asociacións de empregadas do fogar. Asociacións e activistas feministas e polos dereitos das mulleres", terá lugar hoxe mércores 14 de novembro, de 19:00 a 21:00 h na Casa das Mulleres Xohana Torres.

A segunda mesa, nomeada "Empresas/empregadoras, organizacións sindicais e entidades activas no emprego do sector" desenvolverase mañá xoves 15 de novembro, de 19:00 a 21:00 h na Casa das Mulleres Xohana Torres.

Xornadas
O 30 de novembro e o 1 de decembro, o Centro Cívico das Fontiñas acolle a xornada "Traballo digno no fogar e nos coidados: situación, perspectivas e retos para a xustiza social", na que se debaterán aspectos como a desigualdade de xénero e a inxustiza social nos traballos de coidados e se fará un alegación á corresponsabilidade. Esta primeira parte desenvolverase o día 30 de 17:00 a 20:00 horas.

Xa o día 1 de decembro, en horario de 11:00 a 14:00 horas, debaterase sobre a loita pola igualdade das traballadoras do fogar e dos coidados. Tamén se artellarán estratexias, experiencias e crearanse redes de apoderamento. O cometido da xornada é dar visibilidade ás voces e protagonistas do traballo do fogar e coidados, así como ao coñecemento das condicións de precariedade e desigualdade de xénero no que se desenvolve o seu traballo. A intención é tamén a de debater posibilidades e iniciativas de cara ao artellamento de respostas colectivas na cidade de Compostela para mudar a realidade que afecta ás traballadoras do fogar e dos coidados.

Nesta xornada contarase coa participación de asociacións de traballadoras do fogar xa establecidas noutros territorios, como SEDOAC, SindiHogar, Malen Etxea, a Asociación de Traballadoras do Fogar de Zaragoza, así como a asociación de traballadoras do fogar da cidade, Xiara.

Tamén haberá una mesa na que participará o colectivo Kellys Unión Galicia e outras traballadoras de sectores de proximidade e de coidados (traballadoras de residencias xeriátricas e traballadoras da limpeza).

A intención desta campaña é a de dar visibilidade ás condicións do traballo no fogar na cidade e de acompañamento inicial ás mulleres interesadas no artellamento dun proceso de apoderamento colectivo, buscando alternativas e respostas para a mellora das súas condicións de traballo. O obxectivo pasa por explorar posibles vías de resposta institucional e social para contribuír á mellora das condicións do emprego do fogar e dos coidados.

Direccións relacionadas



Compartir: