EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A poesía, protagonista da XV edición do Simposio "O libro e a lectura"

13/11/2018 "Poesía, a luz apagada?" é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organizan en novembro a Concellaría de Educación e Cidadanía e a Asociación Galega de Editoras, en colaboración con CEDRO e a Xunta de Galicia. O encontro O libro e a lectura alcanza así a súa edición número 15, que se celebrará na mañá e tarde do xoves 15 de novembro e durante a mañá do venres 16 no auditorio do Consello da Cultura Galega.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o editor Henrique Alvarellos presentaron esta XV edición do simposio O libro e a lectura, que reúne a diferentes expertos e promotores da edición e difusión da poesía coa finalidade de ofrecer formación sobre o tema ao sector e ao público en xeral. Trátase dun encontro profesional onde se conversará, debaterá e reflexionará sobre a edición e visibilidade do xénero da poesía a través de diversas canles e experiencias.

Dúas conferencias, dúas mesas redondas, un panel de experiencias, unha actuación-performance e un recital poético vertebran un programa que se inicia o xoves 15 de novembro, ás 10:00 horas. Yolanda Castaño encargarase da conferencia de apertura. Seguiralle o panel de experiencias "Da edición á creación", con Paz Castro, Antía Otero, Isaac Xubín e Leire Bilbao (12:30 horas).

As sesións continúan na tarde do xoves 15 de novembro, ás 16:30 horas, coa mesa redonda "Novos camiños para a poesía", a cargo de Marcus Daniel Cabada (revista Ligeia), Anxos Rial (mestra e mediadora de lectura) e a poeta Celia Parra. Ás 18:30 horas, Cinta Adhesiva ofrecerá unha actuación-performance para pechar a xornada do xoves.

O venres 16 de novembro, iniciarase a segunda xornada do simposio ás 10:00 horas, coa mesa redonda "Canles de visualización", con Quico Valeiras, da libraría Chan da Pólvora; Nuria Vil e Lara Dopazo. Seguiralle o recital poético, ás 12:00 horas, a cargo de Emma Pedreira, María Lado e Movemarcos (Leo e Xubín). Finalmente, Antonio García Teijeiro, encargarase da conferencia de peche das xornadas (ás 13:00 horas).

As sesións do XV Simposio da AGE están abertas ao público, que pode inscribirse de balde ata cubrir as prazas (aforo 100 persoas) no enderezo electrónico s.tecnica@editorasgalegas.gal.

Documentos relacionados



Compartir: