XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación da pasarela de conexión do CEIP das Fontiñas

09/11/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de licitación da pasarela que conectará os dous edificios do CEIP das Fontiñas. A actuación custará case 125.000 euros e terá un prazo de execución de tres meses.

A tenenta de alcalde, encargada de dar conta hoxe dos acordos da Xunta de Goberno, pediu desculpas "á comunidade educativa e ao conxunto do barrio de Fontiñas pola demora na resolución dunha demanda histórica, que a veciñanza empezou a reclamar hai máis dunha década". María Rozas explicou que "a intención do Executivo era ter iniciado o procedemento antes, pero non foi posible por diferentes cuestións administrativas que agora quedaron solventadas".

O CEIP das Fontiñas está dividido en dous recintos, un para Educación Infantil e outro para Primaria, separados por unha franxa de espazo público municipal. O obxectivo da actuación é conectar os dous edificios a través dunha rampla, que estará pechada para evitar o acceso de persoas alleas á comunidade escolar. A rampla mellorará o día a día no centro, "sobre todo para os nenos e nenas de 3 a 6 anos, que teñen que desprazarse ao edificio de Primaria para asistir ao comedor escolar".

Melloras no alumeado
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a realización de obras de mellora no alumeado público, por un importe total de preto de 40.000 euros. O maior investimento, preto de 21.000 euros, será para substituír as luminarias en diversos carrís de incorporación, nomeadamente na avenida de Lugo, Tamén se destinarán case 13.600 euros á eliminación de luminarias tipo globo, obsoletas e máis contaminantes, en Vite e no parque da Estila; e reformarase o alumeado público en Lamascal por un importe de 4.800 euros.

Illas de compostaxe
Na xuntanza de hoxe, o Goberno acordou aceptar unha subvención dio Ministerio para a Transición Ecolóxica de máis de 46.000 euros, para a implantación de novas illas de compostaxe comunitaria en Compostela. O Goberno ten previsto colocar un total de 10 novas illas en diferentes espazos, cunha configuración similar ás que xa funcionan en Galeras, Santa Marta e Salgueiriños. O investimento total será de 112.000 euros.

Aínda relacionado coa Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, hoxe adxudicouse á empresa Coregal o mantemento dos espazos verdes e do arborado do parque de Salgueiriños. O custo da licitación, que estivo reservada a centros especiais de emprego, é de 90.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: