PROMOCIÓN ECONÓMICA

Aberta a cuarta fase do proxecto Equal Compostela Social

25/01/2007 Na Aula de Formación da Cámara de Comercio, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, inaugurou a cuarta fase do proxecto Equal Compostela Social. Deste xeito, abriuse o Curso de xestión empresarial, co que comezaba as actividades formativas do programa. Están dirixidas a colectivos de difícil inserción laboral, como mulleres, mozos, inmigrantes, emigrantes retornados ou desempregados de longa duración que desexen crear a súa propia empresa.

Este seminario de xestión empresarial ten unha duración de 200 horas, agrupadas en catro módulos formativos. Compleméntase con titorías personalizadas nas que se realiza un asesoramento individualizado. Isto permite analizar o proxecto empresarial dos alumnos e materializalo nun plan de empresa. O proceso remata cunha fase de mentoring ou aprendizaxe práctico, de un mes de duración, grazas á cal os usuarios se incorporan a empresas xa consolidades.

A través das titorías tamén se buscan fontes de financiamento externas para axudar á constitución das empresas, que se engaden ao paquete de ata 4.800 euros en axudas incluídos no programa. Con este diñeiro finánciase a propia constitución da empresa e as mercadorías, alugueres, subministros, materias primas e publicidade durante os catro primeiros meses de vida da nova firma.

Compartir: