ALCALDÍA

O alcalde visita as instalacións da empresa Televés en Conxo

07/11/2018 O alcalde visitou esta mañá as instalacións da empresa Televés en Conxo. Durante o percorrido, no que tamén participou a concelleira Marta Lois, Martiño Noriega estivo acompañado polo director xeral corporativo de Televés, Santiago Rey, e polo secretario xeral da corporación, Jorge Lorenzo.

A visita do alcalde e da concelleira de Desenvolvemento Económico enmárcase nas relacións institucionais cunha das principais compañías de Compostela, que na actualidade se achega aos 800 empregados nas empresas que forman parte da corporación. Martiño Noriega e Marta Lois puideron coñecer en detalle as orixes de Televés e a evolución que experimentou a corporación coa diversificación das súas liñas de negocio e a súa expansión internacional, con presenza a día de hoxe en máis de 100 países a través das súas 11 filiais internacionais.

Ademais, Santiago Rey e Jorge Lorenzo guiaron ao alcalde e á concelleira nun percorrido polas instalacións de Conxo, no que puideron ver os diferentes departamentos de Televés e coñecer algúns dos proxectos innovadores nos que está a traballar. Martiño Noriega expresou "o seu orgullo porque unha empresa de Compostela sexa líder no seu sector e referente en todo o mundo, mantendo o seu núcleo na nosa cidade". Tamén mostrou o seu interese en "aproveitar o coñecemento e a experiencia de Televés para colaborar en proxectos de interese para Santiago".

Compartir: