CENTROS CÍVICOS E LINGUA

Contos e varias proposta teatrais para a familia na programación cultural desta fin de semana

02/11/2018 Os pequenos e pequenas teñen varias alternativas de lecer esta fin de semana da man dos programas Apego e 12 doces do outono, cunha sesión de contos e varias propostas teatrais e de títeres.

Mañá sábado, ás 18:00 horas, o Centro Cívico do Ensanche acolle a unha sesión de Contos de medo que non deixan durmir, da man de Caxoto Contacontos. A través de tres historias, as nenas e nenos aprenderán a afrontar o medo, a rirse del, a sacarlle proveito e a convertelo nunha porta cara a un mundo cheo de aventuras e fantasía. Como sempre, servirase da música, a imaxe e o xogo nunha sesión onde o público será unha parte máis do espectáculo.

Este espectáculo, incluído na Rede Cultural da Deputación da Coruña, está destinado a rapaces e rapazas de máis de 4 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

12 doces do outono
Para o domingo, o programa 12 doces do outono ofrece tres novas propostas teatrais para toda a familia, con entrada libre ata completar a capacidade das salas. Despois dos espectáculos haberá degustación de doces de outono.

A primeira entrega será pola mañá, ás 12:30 horas, con Centro Cívico de Santa Marta, onde Tanxarina representará A galiña azul. Adaptación do texto de Carlos Casares nun espectáculo de títeres destinado a nenos e nenas de máis de 5 anos.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, haberá dous espectáculos, nos centros cívicos de Conxo e de Aríns. No primeiro, Teatro dos Ghazafellos leva a escena A máquina do tempo. Unha máquina creada por Monsilia, a científi¬ca máis grande do tempo, levaranos a coñecer todo tipo de personaxes dende a prehistoria aos nosos días, moitos deles recoñecidos por todas nós. Para rapaces e rapazas de máis de 5 anos.

En Aríns, a mesma compañía representará Unha presa de castañas. Chega o outono e chega o tempo das castañas, polo que faremos unha viaxe no tempo ata a época dos nosos avós, coñeceremos como vivían, como xogaban, como se relacionaban coa natureza... contos do magosto!. Espectáculo para nenos e nenas de máis de 4 anos.

Direccións relacionadas



Compartir: