XUNTA DE GOBERNO

As axudas do "bonotaxi" beneficiarán a 42 persoas

02/11/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a resolución da convocatoria das axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con mobilidade reducida ou con dificultades para utilizar o transporte colectivo, coñecidas como "bonotaxi". Un total de 42 persoas beneficiaranse da convocatoria.

A Concellaría de Políticas Sociais concederá 42 axudas individuais, que suman 13.900 euros. En concreto, 37 persoas recibirán a axuda de 350 euros, a máxima prevista, dúas percibirán 250 euros, e outras tres obterán a axuda de 150 euros. O "bonotaxi" está pensado para as persoas con déficits de mobilidade que non poden usar o transporte colectivo, ou que teñen grandes dificultades para facelo.

Na convocatoria deste ano contemplouse a posibilidade de que puideran acceder ás axudas as persoas que teñan recoñecidos legalmente problemas de mobilidade, as persoas con discapacidades superiores ao 33 % e as persoas maiores de 65 anos que residan no rural. O límite de recursos para ter acceso ás axudas incrementouse con respecto á pasada convocatoria, ata os 19.362,24 euros.

Furgoneta para a UMAD
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe iniciar o procedemento para adquirir unha nova furgoneta para a UMAD de Santiago. O tipo de licitación do contrato será de 26.500 euros, IVE incluído. O vehículo substituirá ao que funciona actualmente e que ten unha antigüidade superior aos vinte anos

Convenio coa Federación Española de Xadrez
Na xuntanza de hoxe, o Goberno tamén aprobou diversos convenios con diferentes entidades. O máis importante deles é o asinado coa Federación Española de Xadrez para a celebración en Santiago do Campionato do Mundo nas categorías inferiores, competición que comeza o próximo domingo. A través deste acordo, o Concello fai un achega de 180.000 euros para o Mundial.

Ademais, aprobáronse os convenios co Club Arteal Tenis de Mesa e coa Agrupación Deportiva El Correo Gallego, por 12.000 euros cada un. Aprobouse igualmente a xustificación do primeiro prazo do convenio co Santiago Futsal, que suporá un pago de 45.000 euros.

Fóra xa do ámbito deportivo, recibiron luz verde os convenios coa Padroado do Museo do Pobo Galego, que percibirá 30.000 euros; e coa Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, por 20.000 euros. A lista de convenios aprobados hoxe complétase co Instituto de Bacharelato Rosalía de Castro para o desenvolvemento do bacharelato internacional, por un importe de 6.208 euros, e co asinado coa Fundación Rosalía de Castro, que percibirá 4.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: