INFRAESTRUTURAS

A nova rede de saneamento do Aríns resolverá as necesidades da conca nos vindeiros 25 anos

25/01/2007 Coa colocación da primeira pedra, dáse inicio ás obras de saneamento da conca do río Aríns, un importante proxecto que suporá un investimento de máis de 10 millóns de euros, achegados entre o Concello, a Xunta e a Unión Europea. As obras comprenden tres actuacións: a construción da nova EDAR, a posta en marcha dos colectores xerais e a dos colectores secundarios.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, presidiron o acto, que supón o inicio dunha obra que resolverá as necesidades da conca do Aríns durante os vindeiros anos. As intervencións proxectadas alcanzan unha superficie de 33,6 quilómetros cadrados e un ámbito de actuación duns 4.000 habitantes das parroquias de Aríns, Marrozos, Eixo (Santa Lucía), Bando, San Pedro de Sar e Lamas de Abade, nas que se concentra a maior parte da poboación. Na previsión inclúese tanto a poboación actual como a futura, que se incrementará con zonas residenciais como as de Aríns-Monte do Gozo ou Lamas de Abade, cun horizonte de 25 anos.

Un dos ámbitos de actuación serán a construción do colectores xerais dos ríos Aríns e Peiras, e das zonas de Bornais, O Sisto e A Susana. Esta fase, que permitirá crear unha rede de 15 quilómetros de colectores, é a que agora comeza, tras recibir o recibiu o visto bo da Xunta de Goberno Local o pasado outubro. Esta rede principal ramificarase logo en colectores secundarios que cubrirán o resto da conca.

Estación depuradora

As augas recollidas serán levadas ata unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), cuxa fase de construción comezou en marzo. Esta EDAR permitirá reducir en parte as futuras achegas á sobrecargada EDAR existente en Silvouta. A depuradora situarase nunha parcela de 6.000 metros cadrados, preto do límite do Concello de Santiago con Vedra. En 2008 estará rematado todo o saneamento da conca do río Aríns.

O alcalde aproveitou o acto para reafirmar o esforzo do Concello en materia de auga e saneamento, unha materia na que se investirán preto de 130 millóns de euros en catro anos.

Documentos relacionados



Compartir: