As cidades de congresos españolas

As cidades de congresos españolas asinan un convenio con Turespaña

06/05/2005 O concelleiro de Turismo do concello de Santiago, Francisco Candela, asinará o vindeiro luns, na súa calidade de presidente do Spain Convention Bureau, un convenio de colaboración con Turespaña.

O concelleiro de Turismo de Santiago, Francisco Candela, na súa calidade de presidente do Spain Convention Bureau, asinará o luns 9 en Madrid un acordo de colaboración con Turespaña que garantirá a promoción dese grupo de 38 cidades de congresos, entre as que se atopa Santiago de Compostela, durante 2005.

O acto de firma do convenio entre o Spain Convention Bureau e Turespaña, representada polo secretario xeral de Turismo, Raimon Martínez Fraile, terá lugar o luns 9 de maio, ás 12 da mañá, no Ministerio de Industria madrileño.

A proposta de colaboración fora presentada a Turespaña pola Sección de Cidades de Congresos da FEMP, que preside Candela, tras a reunión do grupo en Fitur, onde se deseñou o conxunto de accións promocionais –asistencia a eventos, publicacións, materiais- que permitirá aos destinos españois especializados en congresos mellorar o seu posicionamento no mercado internacional.

Pola tarde do luns, o concelleiro compostelán manterá tamén unha reunión cos responsábeis do Instituto Cervantes, para estabelecer un plan de impulso ao turismo idiomático -ou de aprendizaxe do castelán- nas Cidades Patrimonio da Humanidade españolas.

Compartir: