PROMOCIÓN ECONÓMICA

A metade dos participantes no Proxecto Crear xa se insertaron laboralmente

24/01/2007 Un total de 51 persoas, 24 mulleres e 27 homes, accederon ao mercado laboral a través do Proxecto Crear III, que comezou a súa andadura o 1 de xuño de 2006 e remata o 31 de maio deste ano. No programa, desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica e no que colaboran o resto de municipios da comarca compostelá, participan 100 usuarios. 61 deles son mulleres e os outros 39 homes.

O obxectivo do Proxecto Crear é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregadas e desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade.

Os usuarios reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción. Por este motivo contabilizanse insercións en distintas áreas de diferentes sectores.

O sector servicios é onde máis persoas se incorporaron ao mercado laboral como dependentes, caixeiras, persoal de almacén, cociñeiros, repoñedores, auxiliares administrativos, avogados, deseñadores gráficos, teleoperadora, responsable de produción internacional, auxiliar de axuda a domicilio, etc. No sector secundario os usuarios do crear atoparon traballo como peón de albanel, peón de obra, soldador, pintor, electricista, carpinteiro, mecánico, técnicos en informática etc. Un dos participantes insertouse a través dunha beca da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) e outro a través dun contrato mercantil.

Neste momento estase desenvolvendo a cuarta e última etapa do Proxecto Crear III, a de seguimento das personas que non conseguiron insertarse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

Compartir: