FACENDA

Unha carta de servizos garantirá os compromisos municipais co cidadán nas súas xestións tributarias

24/01/2007 O Concello garantirá por escrito aos contribuíntes unha serie de compromisos de calidade en relación cos servizos que se lle prestan en materia de xestión, recadación e inspección. Isto será posible grazas a unha carta de servizos que estará operativo no ano 2008, segundo anunciou o concelleiro de Facenda, Xaquín Fernández Leiceaga.

Esta carta de servizos supón a implantación dun sistema de xestión de calidade no servizo. Grazas á mesma, o contribuínte poderá esixir o cumprimento destes compromisos, que serán públicos.

A elaboración do documento contén varias fases, a primeira das cales consiste na formalización dos procesos que son a base dos servizos. Neste sentido, a Xunta de Goberno do luns 23 aprobou a contratación dun estudio para a implantación desta carta de servizos. Logo, unha vez coñecidas as demandas dos cidadáns, definiranse os indicadores obxectivos que permitirán medir o cumprimento dos compromisos.

Esta medida circunscríbese no proceso de cambio e melloras continuadas que en materia tributaria se veñen realizando nos últimos anos. Así, o concelleiro indicou que, tamén respecto á carta de servizos, "isto é un proceso dinámico e continuo". Ademais, resaltou que este modelo é compatible con outros procedementos de calidade.

Balance da xestión coma concelleiro

Fernández Leiceaga presentou esta novidade na súa última rolda de prensa coma concelleiro, un día antes do Pleno municipal no que formulará a renuncia á súa acta como edil. Afirmou que "foi un privilexio participar no goberno dunha cidade como Santiago de Compostela, cun tamaño medio, pero cun nivel de esixencia dunha cidade máis grande".

Respecto á área económica, apuntou como máis destacado o saneamento das contas municipais e a modernización da xestión tributaria. Noutra das súas áreas, a de transportes, fixo mención ao "notable cambio de apariencia" da Estación de Autobuses ou a introdución da tarificación por minutos nos aparcadoiros públicos. Tamén se referiu á mellora e á ampliación do servizo de transporte urbano.

Xa máis lonxana no tempo, tivo un recordo á súa etapa á fronte da organización administrativa, da que resaltou a implantación do sistema de información e rexistro de Galeras e a mellora da páxina web municipal.

Compartir: